Unha forma exquisita e orixinal

Unha forma exquisita e orixinal
05 de Agosto, 2024 - 09:16 h. | Publicada por Radio Allariz

Catro relatos de policías ambientados en Ourense. Xiran arredor do inspector Gumersindo Nespereira, un home que non está disposto a consentir que ninguén lle tome o pelo. Bieito Iglesias é un dos escritores galegos que máis coida a linguaxe, unha linguaxe popular mamada en Ourense e nos seus arredores. O crítico e escritor Antonio Tizón recoméndanos para ler neste verán, Miss Ourense de Bieito Iglesias.

ESCOITA O PODCAST:

Antonio Tizón recomenda Miss Ourense de Bieito Iglesias:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/060824TIZON.mp3

Fotografia Xan Xe

Falamos nas últimas recomendación de tres dos principais autores, Miguel Anxo Fernández, Diego Ameixeiras e Domingo Villar, que conforman a segunda idade de ouro da novela negra galega. Imos destacar agora unha obra da etapa anterior, unha etapa que podemos situar entre 1984, coa publicación de Crime en Compostela, e 1998, coa edición de Á de mosca. Unha etapa na que cabe distinguir tres tipoloxías representativas fundamentais. En primeiro lugar, habería que encadrar os escritores catalogados como de alta cultura, poetas excelsos e narradores xa prestixiosos, como Román Raña, Ramiro Fonte, Fernández Naval, Xosé Miranda, Santiago Jaureguízar ou o mesmo Suso de Toro. Unha segunda tipoloxía deste período estaría representada polos teóricos de formación universitaria que abordan o xénero como experimento de laboratorio, máis formal que outra cousa, como, por exemplo, Manuel Forcadela, que en cinco anos publica catro novelas. E, por último, dentro desta etapa podemos encadrar escritores que se tomaron máis en serio o xénero e que o cultivaron con maior espírito de continuidade, entre os que cabería destacar a Aníbal Malvar, de quen xa falamos en espazos anteriores, e a Bieto Iglesias, de quen imos destacar un dos seus libros máis singulares, Miss Ourense. É esta unha das poucas obras que, en plena época franquista, está protagonizada por un policía, o inspector Gurmersindo Nespereira, un home que non está disposto a consentir que ninguén lle tome o pelo. Pero estes relatos costumistas non só merecen ser lidos por este feito insólito senón pola forma exquisita e orixinal de abordalos. Ata o punto de converter a Bieito Iglesias nun autor de culto. Por iso, recomendamos aquí unha das súas obras máis representativas, Miss Ourense, publicada en 1994.

 

 

Fotografía Xanxe

Cultura

Publica o teu comentario agora