Unha forma sustentable de poñernos guapos

Unha forma sustentable de poñernos guapos
10 de Decembro, 2020 - 12:17 h. | Publicada por Radio Fene

Cada vez máis grandes empresas optan polas alternativas sustentables nos xampús ou na cosmética. É un aproveitamento dun nicho de mercado que está en auxe? Dende a tenda ecolóxica 4 Eco Narón, Margarita Rodriguez di que si.

ESCOITA O PODCAST:
Margarita Rodríguez de 4 Eco Narón

As multinacionais aproveitan que a sociedade está cada vez máis comprometida co medio ambiente para sacar á venda produtos novidosos que se proclaman como respectuosos co medio ambiente. En moitas ocasións non é así. “Hai produtos que so conteñen un 2% de principio activo” explica Margarita Rodríguez.

Unha foto suxerinte no envase e uns selos que garanten que parte dos seus compoñentes son ecolóxicos e xa están listos para a venda. Para non caer nestas tretas hai que recorrer ao truco máis sinxelo que hai. Mirar as etiquetas nas que os compoñentes están ordenados de maior a menos cantidade. Así sabemos o que mercamos.

Isto se mercamos en grandes superficies. Se mercamos en pequeno comercio xa hai moitos que loitan contra esta “falsa ecoloxía” poñendo á venda produtos artesáns. A cosmética é un campo moi avanzado neste sector e hai todo tipo de opcións que son respectuosas co medio ambiente.

A maioría destas alternativas para unha beleza sustentable veñen da man dos artesáns e teñen unha gran vantaxe respecto a outros cosméticos. Estes produtos non testan en animais, e dicir, non se realizan probas en coellos ou ratos. Protexen o planeta, a fauna e a flora.

Hai moitas alternativas para que cada un aporte o seu gran de area. Esta é unha delas. Unha forma sustentable de poñernos guapos. Unha forma moi bonita para cuidarnos nós e cuidar do planeta.

Sociedade

Publica o teu comentario agora