Unha imaxe, unha melodía...un recordo

Unha imaxe, unha melodía...un recordo

16 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Denomínase así un novo proxecto no que andan a traballar os compoñentes do grupo Berros do Castro, de Narahío. A idea é ilustrar con música e imaxes o pasado e o presente da música tradicional na nosa bisbarra.  

Cunha imaxe dos artesáns de Valdoviño, Manuel e Henrique Lago, comeza a proxección de fotografías no concerto didáctico artellado polo grupo Berros do Castro para ilustrar o patrimonio musical da comarca de Ferrolterra. Na exposición altérnanse explicacións, imaxes e música en directo nun intento de “dignificar a nosa tradición”.
 
        
Ao redor de oitenta fotografías conseguiron reunir os membros do grupo de San Sadurniño para o proxecto “Unha imaxe, unha melodía...un recordo”. As máis antigas datan de comezos do século XX e con elas pódese comprender a evolución que experimentaron as agrupacións musicais da zona.

O proxécto divídese en catro apartados, comezando cun achegamento aos artesáns de principios do século pasado. Tendo en conta a paulatina incursión de novos instrumentos, introdúcense logo na escolma os gaiteiros solistas, os grupos de gaitas e os bailes agarrados. 

Entre as imaxes máis curiosas coas que contan, salienta unha na que aparece un grupo de músicos do Coro Toxos e Froles amenizando ao Marques de San Sadurniño. Segundo explicou a Radiofusión un dos compoñentes do grupo, Ramón Dopico, pensan que se podería tratar dunha fotografía realizada durante a visita que Alfonso XIII fixo á comarca no 1927, meses antes de outorgarlle ao Toxos e Froles o título de “Real”.

Logo de presentalo a pasada semana nas Xornadas Culturais da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, Berros do Castro pretende seguir ampliando o seu proxecto de achegamento ao patrimonio musical de Ferrolterra. Para iso piden a colaboración das persoas que poidan conservar algunha fotografía sobre o tema. Neste senso, pódense entregar no taller de Antón Varela, na rúa San Francisco de Ferrol, co compromiso de devolución no prazo dun día. Ou tamén se poden remitir por correo electrónico a berrosdocastro@gmail.com

Sociedade