Unha iniciativa ilusionante

Unha iniciativa ilusionante
17 de Setembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

O programa Onda ODS comeza a emitirse o vindeiro luns 19 en máis de 300 emisoras municipais e comunitarias do Estado. En Galicia poderá escoitarse a través de Radiofusión as nove da mañá e as nove da noite todos os dias laborabeis. 

Público no castelo de Santa Cruz en Oleiros

Guillermo Buteau, de Emisoras Municipais de Andalucía (EMA-RTV), fixo fincapé o pasado xoves no programa inaugural emitido desde o castelo de Santa Cruz en Oleiros, na particularidade do proxecto Onda ODS ao ser unha iniciativa que xurde desde o local para desenvolverse a nivel estatal e en distintos idiomas, algo que cualificou como “ilusionante”. Pola súa banda,  Henrique Sanfiz, quixo poñer o acento na colaboración brindada polo Ministerio de Dereitos Sociais -un importante apoio para o proxecto- e tamén nas posibilidades que a tecnoloxía ofrece hoxe en día para levar a cabo un traballo conxunto que reforzará a comunicación local aliñando intereses e obxectivos. Sanfiz referiuse aos interesantes proxectos de economía circular respectuosos co medio ambiente que se están levando a cabo en diferentes lugares de Galicia e laiouse do seu escaso eco, polo que incidiu en que Onda ODS virá aportar un gran de area para darlles visibilidade. Destacou tamén que a creación dunha plataforma común
gratuíta, rápida e fácil permitirá á cidadanía ter acceso a contidos de calidade creados desde o local. O alcalde de Paderne César Longo subliñou o traballo desenvolvido na Reserva da Biosfera Mariñas  Coruñesas e Terras do Mandeo, da que dixo que é atípica porque foi promovida desde as asociacións e os 17 concellos que a compoñen, ao contrario do que adoita suceder con este tipo de organismos, creados desde o Estado ou as autonomías. O ecoturismo é un dos seus principais eixos de actuación e este mesmo ano conseguiron que sexa o Pazo de Mariñán a sede na que se celebrará do 18 ao 20 de outubro o VI Congreso Nacional de Ecoturismo, coa participación de máis de 200 persoas. María López explicou como se organiza Ràdio Televisió Cardedeu, unha iniciativa que conta con máis de 50 voluntarios que son un exemplo de traballo en rede e que teñen creado unha empatía entre as distintas zonas de Cataluña. Este modelo demostra, dixo, que se poderá funcionar deste xeito tamén a nivel estatal.

O proxecto Onda ODS -orientado á difusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e no que participan máis de 300 medios locais de todo o Estado- comezou o xoves 15 de setembro cun primeiro programa radiofónico emitido en directo desde o castelo de Santa Cruz en Oleiros no que Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio a Estrada, entrevistaron a catorce persoas relacionadas dalgún xeito con estes obxectivos. Entre o público estaban alumnos e alumnas do CEIP Juana de Vega e IES María Casares.

Sociedade

Publica o teu comentario agora