Unha longa viaxe por mar e terra

Novo libro do ferrolán Henrique Dacosta
17 de Setembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

"A rota do oeste" leva ao túzaro islandés Gudmund Arnórsson a expiar unha culpa. De Islandia a Santiago de Compostela pasando por Ferrol. A viaxe é sempre curativa na obra de Henrique Dacosta.

ESCOITA O PODCAST:

Islandia e Ferrol son os escenarios da última novela do ferrolán Henrique Dacosta. “A rota do oeste” (Edicións Embora) discorre polo camiño inglés, polo mar e pola construción naval, tres eixos que atravesa o protagonista, o islandés Gudmund Arnórsson, un home cun pasado escuro, introspectivo “tirando a túzaro”, en palabras do autor, que emprende unha viaxe desde Ribe ata o porto de Ferrol para chegar a Santiago polo camiño inglés.

A novela divídese en tres partes. A primeira sitúanos en Islandia e na personaxe de Gudmund, traballador nunha base norteamericana. A segunda parte relata a travesía marítima necesaria para continuar polo camiño inglés a Compostela e que ven ser unha especie de redención dunha culpa, dunha carga. A terceira parte é a resolución final, a que ten máis intriga, en palabras do autor.

"A rota do oeste" non ten un xénero concreto, é a suma de policial, road movie, que da como resultado unha trepidante narración chea de intrigas e sorpresas. A orixe de “A rota do oeste” é a atracción do autor polas terras inhóspitas de Islandia, terras sometidas a temperaturas extremas que sempre lle atraeron. “Algún día a coñecerei” desvela. Dacosta indaga na historia deste país e na súa ligazón con Santiago e, por suposto, faina desembarcar en Ferrol. As fábricas desaparecidas de Hispania, Pysbe…, a construción naval, as crises cíclicas da cidade que precisaría dunha milagre para salvarse.

Por aí pasa esta historia que ten amor porque é necesario, porque o esperamos. Ana Saavedra é o contrapunto de Gudmund nesta viaxe que, como todas as viaxes, fascinan a Dacosta, polo que supón de descuberta, de encontro co diferente. “Nestes meses de pandemia nos que non puidemos viaxar lonxe, fixemos cercanas excursións como substitutas desa ansia por evadirnos e descubrir sempre cousas novas” declara Dacosta.

 

(Participaron no club de lectura; Maite Martínez, Esther Val, Andrés MC Riveira, Henrique Sanfiz e Henrique Dacosta)

Cultura

Publica o teu comentario agora