Unha nova sentenza obriga á Xunta a pagar as extras

Unha nova sentenza obriga á Xunta a pagar as extras

10 de Abril, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A CIG obtén unha nova sentenza favorábel sobre a obriga da Xunta de Galiza de aboar a parte devengada da eliminación das pagas extras do ano 2013. Despois doutra no mesmo senso, que llo recoñeceu ao persoal docente, esta nova sentenza recoñece para o persoal da administración xeral a obriga da Xunta de pagar a parte devengada no ano 2013 e que foi, afirman, ilegalmente retida pola administración galega.

Esta nova sentenza ven sumarse a outras que gañara tamén a asesoría da CIG sobre a paga extra do ano 2012 que sumadas a outras obtidas no resto do estado obrigaron tanto ao goberno central como á Xunta a rectificar e pagar o diñeiro do que se apoderaran no ano 2012, aínda que no caso galego é a prazos.

A CIG xa reclamou na Mesa Xeral de negociación á Xunta para que pagase a parte da extra de xuño do ano 2013, á vista das sentenzas que houbera polo caso, exactamente igual, da extra do 2012, porén o goberno galego xa desde que se coñeceron as primeiras sentenzas fixo caso omiso, presentando recursos de casación para paralisar o maior tempo posíbel o pagamento.

A actitude negativa e obstrucionista ás sentenzas da Xunta o que fai é encarecer máis para as arcas públicas o resultado da pésima xestión deste asunto, xa que a condea ao pagamento do diñeiro que lles deben aos traballadores, vai ligada ao pagamento dos xuros desde o momento en que debeu ser pagada até o momento do pagamento final co que a factura total será moito maior para as arcas públicas.

Desde a CIG instan á Consellaría de Facenda e ao presidente da Xunta para que fagan frente ás súas obrigas e lles paguen a todos os seus traballadores esta débeda que unha vez máis é recoñecida polos tribunais de xustiza.

Sociedade