Unha placa en lembranza da guerra das mulleres de Barallobre

Unha placa en lembranza da guerra das mulleres de Barallobre
19 de Marzo, 2018 - 12:00 h. | Publicada por

Unha placa en lembranza da revolta de marzo de 1918, máis coñecida en Fene como “Guerra das mulleres” amósase dende o pasado venres na antiga estación de Barallobre. Ao redor dunha trintena de persoas asistiron nesta xornada ao descubrimento dunha placa na que se salienta especialmente o papel das mulleres de Fene e comarca “organizando e liderando con valentía as accións dunha das revoltas principais da nosa historia, e sufrindo a represi&oa

En palabras do alcalde de Fene, Juventino Trigo, este acto organizado pola Comisión da Revolta Popular Marzo de 1918 e polo Concello de Fene, consistiu nunha “sinxela homenaxe ás mulleres e aos homes que hai cen anos ergueron a súa voz para enfrontarse á inxustiza e que, ao berro de “temos fame,” denunciaron a quen, coa complicidade do goberno español, aproveitaba o contexto internacional (I Guerra Mundial) para especular cos prezos dos produtos de primeira necesidade”.

Malia á represión brutal que sufriron – varias persoas resultaron abatidas polos disparos da Guardia Civil e moitas resultaron feridas, en marzo de 1918 unha comisión de mulleres de Fene obrigou ao alcalde deste concello a asinar un documento de baixada de prezos, namentres na estación de Barallobre, un grupo de mulleres asaltaba un tren de fariña e repartía a carga entre toda a poboación. Ademais, foron moitos os veciños e veciñas de Fene que participaron nesas datas nunha multitudinaria manifestación para homenaxear as vítimas destes sucesos.

“Recuperar a nosa historia dun interesado esquecemento, non só é posible, senón que é absolutamente imprescindible para poder sentírmonos orgullosos de pertencer a un pobo cunha historia de seu”, afirmou o alcalde de Fene no acto do pasado venres no que tamén interveu a representante da Comisión Revolta Popular de Marzo de 1918 Olaia Ledo.

O acto concluíu co descubrimento da placa nun dos laterais do edificio da antiga estación de Barallobre (actual Parque de Educación Viaria) e coa interpretación do himno galego por parte dunha formación de gaita e percusión da Banda de Gaitas Airiños de Fene.

Sociedade