Unha sachada para o galego

Unha sachada para o galego
12 de Xuño, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Nova Escola Galega naceu en 1983. Educadores e educadoras defendían o modelo de escola pública galega, unha proposta xeral de educación integral, promotora da igualdade de oportunidades, unha educación con contidos culturais e con coñecementos significativos e valiosos. Xosé Lastra Muruais preside Nova Escola Galega e prepara para o 2023 os actos conmemorativos dos seus corenta anos de existencia. A situación da lingua galega empeorou claramente nos últimos dez anos. O decreto de plurilingüismo foi unha sachada para o idioma, afirma Xosé Lastra.

ESCOITA O PODCAST:
Fotografía Xan Xe Corral

A educación non é o único alicerce para o desenvolvemento da lingua, pero é moi importante. Se non garantimos o galego entre nenos e nenas, o futuro non vai ser bo. Nas cidades a situación do galego é dramática. 
Segundo Henrique Monteagudo do Seminario de Sociolingüistica da Real Academia Galega, imos cara unha situación semellante á do Pais Vasco. Refírese ás enormes diferenzas sobre o uso do eúscaro,que vai desde comarcas onde é case inexistente a outras onde é falado por máis do 75% da poboación. O mapa sociolingüístico escolar de Ames, un proxecto que analizou a situación do galego desde as escolas infantís ata o Bacharelato, advertiu do efecto desgaleguizador do sistema educativo desde os seus inicios e de cifras extremadamente preocupantes na secundaria, onde o 11% do alumnado é galegofalante, outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües. 

Cultura

Publica o teu comentario agora