Unha semana sen semáforo en Cesantes

Unha semana sen semáforo en Cesantes

06 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O concello reclama a Fomento que transfira a titularidade da sinal para poder arranxala. Os veciños denuncian que o semáforo que regula o acceso de vehículos á N-550 dende a estrada de Cesantes non funciona dende hai máis dunha semana ”unha incidencia que se repiten de xeito continuado dende que fora instalado hai máis dun ano”.

Ante as continuas queixas presentadas no concello, o responsable de tráfico, Eduardo Reguera decidiu reclamar a Fomento o traspaso de titularidade “xa que o concello conta cunha empresa que se encarga de arranxar as incidencias que se producen nos semáforos, pero non pode reparar o de Cesantes porque a súa titularidade é do Ministerio”.

O semáforo fora instalado en decembro do 2007 para facilitar o acceso dos veciños que procedentes da praia ou da zona baixa de Cesantes querían incorporarse á estrada que comunica Redondela e Pontevedra.

Leds

O feito de que a súa titularidade estea en Fomento impediu ademais ao concello substituir ás lámpadas convencionais por un sistema de leds de baixo consumo. Unha medida que sí se levou a cabo no resto de semáforos do municipio e que permite aforrar un 80% de enerxía e incrementar a seguridade do tráfico xa que ofrecen unha maior visibilidade que os convencionais nos que, cando da o sol non se ve claramente a cor na que están.

Institucional