Unha senda litoral unirá Ferrol e Valdoviño pasando por Narón

Unha senda litoral unirá Ferrol e Valdoviño pasando por Narón

12 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os municipios de Ferrol, Narón e Valdoviño investirán 428.000 euros no acondicionamento dunha senda litoral que comunicará a praia de Santa Comba, en Ferrol, coa de Campelo, en Valdoviño. Narón afrontará gran parte dese importe, uns 99.000 euros, ao discorrer por este municipio case 6 quilómetros dos 12 que, en total, conforman o traxecto.

Na presentación do proxecto, celebrada esta mañá no Concello de Narón, os alcaldes das tres localidades implicadas apostaron porque a iniciativa sexa un «punto e seguido», de cara a que a senda se poida estender polo resto da comarca a partir deste primeiro tramo. Será unha actuación pouco agresiva, segundo indicaron, ao discorrer por terreos incluídos na rede Natura, e que conta con financiamento da asociación Costa Noroeste. Así mesmo, contouse coa colaboración da Demarcación de Costas do Estado.

A financiación complétase con partidas de 56.000 euros dos concellos de Ferrol e Valdoviño, polos que discorren 3,2 quilómetros do traxecto en cada caso. O prazo de execución establécese en seis meses, e agárdase que o proxecto poida estar licitado o próximo mes.

Institucional