Unha vila etnográfica

Unha vila etnográfica
13 de Setembro, 2021 - 01:20 h. | Publicada por Radio Eume

O Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes presenta o seu arquivo dixital. Durante máis de dous anos a empresa Cultureume dixitalizou máis de 5.000 documentos. Inclúense 1.800 documentos e 3.300 fotografías.Parte delas xa están a disposición da cidadanía na web montecaxado.gal O presidente da Fundación Monte Caxado Xosé María López Ferro ten o soño de converter ás Pontes nunha vila etnográfica. Habería que abrir outros museos que completasen o actual do Monte Caxado. 

ESCOITA O PODCAST:
Xosé María López, de Cultureume

Dende o ano 2000, o museo etnográfico foi recompilando fotografías antigas. Cando o museo estaba no colexio pediron a colaboración das familias e empezaron a escanear as imaxes. Agora ademais colgaron nunha web documentación, fotografías e vídeos. Os primeiros vídeos que hai das Pontes datan de mediados dos anos 40, segundo Xosé María López, de Cultureume. As imaxes poden achegarse en persoa ao Museo, por teléfono no número 670509697 ou no correo fundacionmemc@gmail.com Ademais das fotografías, gardan a documentación de cada unha. No arquivo dixital as imaxes divídense en agro, vida cotiá, relixión e crenzas, industria, deporte, emigración, oficios e vella escola. A institución conta con varios traballos en perspectiva. Queren organizar exposicións temáticas dentro do Museo e o cuarto caderno do Museo Etnográfico adicado ás lendas da comarca. López Ferro indica que o primeiro traballo do Museo é continuar incorporando fotografías a esa páxina web. Entre os documentos curiosos a aportación dunha peseta e 95 reais como aportación para o pazo do Caudillo ou unha orde do alcalde das Pontes en plena guerra civil. Mándalle a unha ferraxería ceder gratuitamente unha cama para o cuartel da garda civil. O Museo Etnográfico Monte Caxado abriu as súas portas nun inmoble no barrio antigo da vila, nas Pontes, en marzo de 2019. Dende aquela recibiu 2.200 visitas. Estivo pechado pola covid 19 pero agora vive un certo rexurdimento de xente da localidade que busca un entretemento. 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora