Unha xornada activa e saudable

Unha xornada activa e saudable
03 de Setembro, 2026 - 10:36 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene organiza unha das citas centrais do departamento de Deportes, que ofrecerá máis de trinta actividades de balde e agasallará cunha camisola a quen complete cinco disciplinas. A concelleira de Deportes Alba García Fariña anima  a participar na xornada.

Fotografía Xan Xe

O vindeiro domingo, Fene converterase no epicentro da actividade física e a diversión familiar coa celebración dunha nova edición do Día do Deporte na Rúa. Esta xornada está consolidada como unha das datas estratéxicas e máis agardadas dentro do calendario anual da Concellería de Deportes, co obxectivo de promover os hábitos saudables e dar a coñecer diferentes disciplinas entre a veciñanza.

Un programa repleto de disciplinas e xogos

Como xa é tradición, a Avenida do Tarrío pecharase ao tráfico para transformarse nun gran recinto deportivo ao aire libre. Este ano o programa destaca pola súa enorme variedade, deseñada para que público de todas as idades poida probar novas modalidades.Entre a ampla oferta de actividades atópanse:

Deportes de raqueta e precisión: Tenis, bádminton e chave.

Artes marciais e combate: Yudo, defensa persoal, taekwondo, karate e esgrima.

Xogos en equipo e alternativos: Fútbol, baloncesto 3x3, hockey, indiaca e voleibol con pelota xigante.

Zonas de lecer e inchables: Tobogán inchable, fútbol humano, inchables con obstáculos, un circuíto de karts e obradoiros de circo.

Inclusión e tradición: Boccia, circuíto en cadeira de rodas, baloncesto en cadeira de rodas e xogos tradicionais.

Saúde e aventura: Orientación, slackline, remo con pantalla, axedrez xigante, obradoiro de nutrición, avaliación funcional e elaboración de chapas.

Como participar e conseguir a camisola oficial?

A gran novidade desta edición reside na programación para obter a tradicional camisola conmemorativa de agasallo. As persoas que desexen participar e conseguir a súa peza de balde (ata esgotar existencias) deberán seguir estes sinxelos pasos:

Recoller a tarxeta: Dirixirse ao posto local da organización, situado fronte ao Casino de Perlío.

Completar o circuíto: Alí entregaráselles unha tarxeta onde figuran anotadas as distintas estacións deportivas.

Sumar puntos: Participar nun mínimo de cinco actividades á libre elección de cada usuario.

Recoller o agasallo: Unha vez selada a tarxeta coas cinco probas, poderase recoller a camisola no mesmo punto de control.

O Concello de Fene convida a achegarse este domingo a avenida do Tarrío para gozar dunha xornada dominical diferente, activa e saudable.

 

Imaxe da carreira de San Silvestre. 2023.

Fotografía Xan Xe
 

Deportes

Publica o teu comentario agora