A Unión Europea investigará os proxectos de ampliación de Vilar do Colo

A Unión Europea investigará os proxectos de ampliación de Vilar do Colo

12 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Comisión Europea iniciará unha investigación preliminar sobre os distintos proxectos de ampliación do parque empresarial de Vilar do Colo entre Fene e Cabanas, segundo lle ven de comunicar o Presidente da Comisión de Peticións Marcin Libicki á Asociación Etnográfica e da Natureza Amig@s do Rio Baa. A autoridade comunitaria salienta que as cuestións relativas a esa ampliación inciden no ámbito de actividades da Unión

O parque empresarial de Vilar do Colo conta na actualidade cunha superficie de 852.000 metros cadrados divididos en 150 parcelas. O Concello de Fene, na anterior lexislatura, propuxera unha ampliación de 300.000 metros cadrados.

 

O actual alcalde Iván Puentes plantexou o pasado ano un aumento desa área ata chegar aos 600.000 metros cadrados, o que precisaría da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal. En contra deste proxecto, posicionouse Aetna, entendendo que a iniciativa destruiría definitivamente un dos espazos naturais de alto interese para os Concellos de Fene e de Cabanas e o valioso patrimonio arqueolóxico existente na zona. 

 

A entidade ecoloxista considera inxustificada o que califican como "macro-oferta de terreos nunha zona tan singular que ocasionaría un enorme impacto medioambiental, histórico, cultural e social". Para Aetna, semella "un proxecto froito da improvisación, sen valoración doutras zonas alternativas ao entorno do polígono e inoportuno cando a superficie actual está ainda infrautilizada". A asociación agarda que os organismos europeos, "rexeiten definitivamente o desarrollismo salvaxe do século pasado e se decanten por un desenvolvemento sostible propio do século XXI, onde non ten cabida a destrución sistemática do patrimonio, senón a súa posta en valor".

Sociedade