Universo nosso premiado no Festival de Podcast

Universo nosso premiado no Festival de Podcast
23 de Novembro, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

O programa elaborado polo colectivo Brincarmos “Universo nosso” recibiu o premio do I Festival de Podcast de Galicia organizado polas Emisoras Municipais Galegas (Emuga) coa colaboración da Deputación da Coruña. Para tomar a súa decisión, o xurado valorou especialmente a boa utilización do galego, a participación da rapazada e o esforzo realizado para a guionización do espazo. “Universo nosso” promociona a lingua galega na xente miuda e empatiza a condutora coas crianzas, ademais de integrar no podcast, música en directo,ravada e entrevistas con músicos de actualidade como Mondra.

Fotografía Xan Xe

Ademais deste premio concedéronse os seguintes:
-Mellor guión: “Estrelados na Estratosfera”.
-Mellor produción: “Fóra do mapa”.
-Mellor deseño sonoro: “Antropop”.
-Mellor host. German Estevez por “Galiportus”.
-Mellor podcast conversacional: “A caixa de Nostromo”.
-Mellor podcast de ficción sonora: “Baixo a luz durmida”.
-Mellor podcast narrativo de non ficción: “Orgullo galego”.
-Mellor podcast de humor: “Exercito Mekemeke”.

-Podcast máis orixinal. "As womanplainers"
-Mellor podcast feito por mulleres: “Pechadas no baño”.
-Mellor podcast por votación popular: Estrelados na Estratosfera
-Mellor voz masculina: Anton Cortizas por “Baixo a luz durmida”.
-Mellor voz femenina: Divina Arnoso por” Baixo a luz durmida”.
-Mellor identidade visual: “Cristais de Meraki”.
-Premio á traxectoria: Radio Redondela

Entregaron os galardóns, a alcaldesa de Fene Sandra Permui, Cristina García da Deputación da Coruña e o vicepresidente de EMUGA Pablo García. 
O Festival de Podcast rematou a súa primeira edición -celebrada no local da sociedade O Pote de Maniños (Fene)- cunha xornada na que se desenvolveron obradoiros e mesas redondas, se dedicou un espazo especial ao podcast “Somos Vellenials”, de Cuac FM, e mesmo houbo música a cargo da agrupación Son d Cantos.
Para falar do “podcast do momento” contouse coas intervencións de tres podcasters singulares: Iago Gordillo (Recuncho gamer); Nuria López (A ferida aberta no 36) e Luís Iñiguez (18 rodas), moderados por Pepe Cunha (Ábrete de orellas). Cada un deles ofreceu a súa particular visión desta ferramenta, que aplican ao mundo dos videoxogos no caso de Iago Gordillo, da recuperación da memoria histórica no de Nuria López e da música no de Luís Iñiguez. Gordillo explicou que “Recuncho gamer” grávase en chíos da súa conta de X o que permite a participación do público en vivo a través dos seus comentarios, e neste sentido destacou que os podcast fan compañía pero permiten ademais crear comunidade. O seu público é moi concreto -as persoas afeccionadas aos videoxogos- pero tamén, asegurou, moi
agradecido. Nuria López comentou que o seu proxecto non ten tanto a finalidade de chegar a un público numeroso como de contar o impacto da ditadura franquista en Galicia, unha tarefa para a que conta con testemuños das propias persoas represaliadas, historiadores e investigadores e tamén asociacións memorialistas. O seu propósito é que quede constancia destes feitos nunha sociedade que, aínda coa abundancia de información que circula, considera desinformada pola cantidade de mensaxes interesadas e manipuladas. Pola súa banda, Iñiguez dixo que nun programa como o seu, dedicado a músicas “difíciles e raras” -que se emite en directo semanalmente desde Radio Fene- o podcast permite chegar a máis persoas que poden escoitalo en calquera momento, aínda que ter máis público non é, tampouco no seu caso, un obxectivo. Rematada a mesa redonda, o irector de Radio Fene, Henrique Sanfiz, entregou unha pintura a Luís Iñiguez como recoñecemento a súa fidelidade a esta emisora, na que fai o seu programa desde os anos 80.

 

Fotografía Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora