Uns pican e outros non

Uns pican e outros non
02 de Marzo, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A pementeira é unha planta que agacha pola varas, dando unhas fermosas flores brancas que morren aos poucos dias para que nazan os froitos.

É o froito máis propio do novo continente. Colón atopa América buscando unha nova ruta para chegar ás illas das especias, as Molucas.El foi por pementa e deu co ají, unha planta que podía ser picante e que, moída e seca, podía facer unha función semellante á pementa, adubar e conservar alimentos. Deulle o nome de pemento polo seu sabor semellante á pementa negra. As razas de pementos que temos en Galicia son todas “ Capsicum annuum” de variedades e sabores distintos. Seméntanse en febreiro nos invernadoiros e, unha vez que agroman, trasplántanse á terra de labor.

Os pementos de Herbón que trouxeran os monxes franciscanos no século XVIII, éstranse no esterco das pombas. A tempada diura de maio ao outono, que é cando pican. Os estudantes de Santiago de certa idade lembran, coincidindo cos exames de xuño, cando as pementeiras ían polas rúas de Campostela ofrecendo neles. “Chegaron as pementeiras, hai alegría na praza!!!!”. Na convocatoria de setembro adoecían de picante e servían para facer apostas: paga a ronda aquel que escolla o máis bravo e se lle note. Cantas veces un choraba tentando manter o sorriso nos beizos!!

Mellor fritidos en moito aceite non moi quente e sempre co rabo. Xa na fonte bótaselles unha presa de sal gordo. Polo xeral, os pementos de Padrón retortos son os que sempre pican; teñen máis capsicina, unha sustancia moi usada en cremas para aliviar a artrose. Se un pemento picante chega á boca, recoméndase non beber líquidos, agás o leite, porque a capsicina non é soluble en auga pero si nas graxas. Tamén alivia a boca meter unha pedra de azucre. Logo temos os pementos do Couto, de aspecto semellante aos de Padrón, cultivados nas terras de Ferrol. Estes nunca pican.

Famosísimos son os pementos de Arnoia, de cor verde clariña, máis grandes, de pel moi fina e suave e sabor exquisito. Tampouco pican estes. Póñense asados e pelados ou fritidos, e recheos de diversas mesturas como arroz con chícharos. Teñen a súa gran festa no verán.

Os pementos de Oímbra son case brancos, moi doces e carnosos. Cultívanse no val de Monterrei, ao pe do castelo, onde asenta a primeira imprenta de Galicia e da que saíron biblias e versos no noso idioma. Estes de Oímbra parecense moito aos pementos do Rosal pero plantan poucos porque reservan a terra para o viño.

Os pementos de Mougán, da comarca de Guntín preto de Lugo, parécense aos de Padrón e os máis grandes sempre pican. Os pementos da Piñeira, que se cultivan preto de Ribadeo, verdes e medianos de tamaño, disque teñen especial sabor a mar.

Prebe de pementos picantes

Collemos os pementos de Padrón xa picantes, lávanse e sécanse. Retiramoslles os rabos e as sementes e pícanse en tiriñas. Dourámolos na tixola co bo aceite de oliva. Cando abrandan bótase enriba vinagre de xerez e deixase reducir para despois engadir mel do país e unha noces picadas. Deixar arrefriar. A salsa podese gardar para gastala a gusto. Casa moi ben coa pasta, as carnes á brasa e tamén con algún peixe fritido.

Cultura

Publica o teu comentario agora