Urbanismo para o futuro de Fene

Urbanismo para o futuro de Fene
14 de Maio, 2026 - 04:43 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene dará mañá, venres, un paso decisivo para a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Nun pleno convocado para primeira hora da mañá, a Corporación activa o procedemento para a revisión da normativa urbanística de Fene. Un importante anuncio do que falou en Radio Fene o primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo.

ESCOITA O PODCAST:

“Foi un compromiso que adquirimos no comezo deste mandato arrancar o PXOM, temos a dotación económica no Orzamento e temos o apoio dos grupos porque todos nos comprometemos a sacalo adiante”, declarou Manuel Polo. O Goberno de Fene leva ao pleno o expediente para licitar a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Sairá a licitación por un importe de 273.000 euros. Despois convocarase o prazo para presentación de ofertas e posterior adxudicación. O obxectivo da revisión do Plan é aumentar as zonas de edificación de vivenda unifamiliar. 

Todo enfiado

O primeiro tenente de alcaldesa tamén fixo un balance moi positivo do primeiro ano de mandato de Sandra Permui na Alcaldía de Fene, da que dixo que “está facendo unha labor encomiable”. “Temos as ideas e os proxectos, todo vai enfiado”, declarou. Manuel Polo tamén aclarou dúbidas sobre as taxas de depuración e lixo e as medidas activadas polo Concello para facilitar o pago do taxas e impostos municipais. “Non subimos a contribución, non subimos os vehículos, a lei obriga a cobrar polos servizos que prestamos”, explicou.



 

Institucional

Publica o teu comentario agora