Urxen máis efectivos do Grumir para As Pontes

Urxen máis efectivos do Grumir para As Pontes

13 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Máis de 2000 actuacións levou a cabo o Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR) de As Pontes ao longo do pasado ano 2010. De feito o balanzo total eleva a 2166 as tarefas e operativos nos que estiveron inmersos nestes últimos 12 meses os 15 integrantes deste grupo. Supéranse así as cifras de 2009, ano no que se alcanzaban as 2147 actuacións, e de 2008, con 1748 intervencións. O mes con maior carga de traballo foi outubro con 223 intervenc

No tocante ás diferentes labores desenvolvidas ao longo do pasado exercizo, a maioría estiveron vencelladas á seguridade en eventos e edificios, con 293, aínda que tamén se rexistraron actuacións propias coma simulacros ou cursos formativos, cun total de 740 iniciativas.

Ao longo do ano que vén de rematar, o GRUMIR tamén desenvolveu actividades de apoio ao Concello ou  de limpeza de estradas sendo tamén salientable a súa participación en 90 incendios, 59 sinistros de diferente ámbito e en 6 operacións de rescate e busca de persoas desaparecidas, o que eleva a 155 a cifra de actuacións urxentes en 2010.

Estes números volven dar mostra da importancia de manter este servizo no concello pontés xa que, non só se acometen emerxencias coma incendios ou sinistros de tráfico, senón que tamén, a existencia dunha central térmica, outra de ciclo combinado, dun lago e de dous encoros fai que As Pontes conte cunhas características especiais e precise de máis efectivos en beneficio da cidadanía. Daí que continúen as demandas dende o goberno municipal para manter tanto o GRUMIR coma o Parque Comarcal de Bombeiros, facendo así unha excepción no que respecta ao acordo rexistrado en 2007 entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), no que se recollía que todo municipio que contase cun parque de bombeiros non podería ter, a maiores, un grupo de intervención rápida. 

Neste momento, tan só 3 dos membros do GRUMIR manteñen o seu emprego, 3 capataces, ata finais de ano, xa que a ducia restante remataba contrato o 31 de decembro de 2010. En relación a esta situación, dende o departamento pontés de Seguridade Cidadá anunciaron que xa se está a traballar para lograr unha subvención que permita contratar novos efectivos debido á necesidade en As Pontes de contar con este grupo de operarios, ante as características especiais coas que conta o municipio. 

Sociedade