Uxía vai andando a terra a Lugo

Uxía vai andando a terra a Lugo

16 de Decembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A poesía de Manuel María centra o concerto que esta tarde ofrece Uxía no Auditorio Gustavo Freire de Lugo. Alumnos e alumnas do Centro Educativo Galén acompañarán nas versións do poeta de Outeiro de Rei. 300 subirán ao escenario para interpretar O Carro. Comezará ás seis da tarde.

“Andando a Terra” foi publicado no 2012 e nel Uxía ponlle música a varios poemas de Manuel María. O feito de que neste concerto a cantante comparta escenario con parte do alumnado do Centro Educativo Galén permite  “rememorar unha gran parte da poesía de Manuel María e que esta se siga transmitindo de xeración en xeración” como apuntou o vicepresidente provincial, Antonio Veiga.

Trátase dun proxecto multidisciplinar no que profundizar sobre a obra e figura de Manuel María. Como sinalou Uxía “aínda que xa é unha figura moi coñecida e popular, este concerto vai axudar a que os nenos se identifiquen con el como poeta poliédrico que é, con moitas caras, dende a máis lúdica ata a máis metafísica, pasando polo Manuel María máis comprometido”. O poeta nacionalista esculpía nos seus versos o amor, a etnografía, os traballos agrarios ata a mitoloxía. Para a artista de Mos “foi un poeta realmente do pobo e agora é como se lle devolveramos todos o que el nos deu”.

Un concerto homenaxe a Manuel María no que se reinterpretan os seus versos con cantos, danzas e fotografía, toda unha aposta polo coñecemento da lingua e a cultura do país dende o sistema educativo.

Sociedade