Vacas, guerras, porcos e cregos

Dará comezo ás 20 horas con entrada de balde previa retirada de convite o mesmo venres dende as 18,30 h
20 de Novembro, 2019 - 09:09 h. | Publicada por Radio Fene

Quico Cadaval trae este venres ao Museo do Humor de Fene o seu espectáculo “Vacas, guerras, porcos e cregos”. A función enmárcase no ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que organiza a Concellería de Cultura de Fene co apoio da Deputación.

Quico Cadaval participará este venres en Fene no ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor”, que organiza a Concellería de Cultura co apoio da Deputación a través da Rede Cultural. Traerá o seu espectáculo “Vacas, guerras, porcos e cregos” nunha función que arrancará ás 20 horas no Museo do Humor fenés. A entrada é de balde ata completar aforo, previa retirada de convite – máximo de dous por persoa- o mesmo venres a partir das 18,30 horas.

Quico Cadaval desenvolve dende os anos 90 do pasado século unha actividade como contador de historia e sucedidos. Este tipo de espectáculos, considerados a forma máis diminuta de teatro, son unha das mais poderosas chamadas á imaxinación do público, que ten que construír co narrador as imaxes de cada historia. Nesta liña, nos últimos anos Quico Cadaval está transformando os seus repertorios en espectáculos de teatro, do teatro da palabra.

No 2018 xirou con “Os inocentes”, unha colección de historias acontecidas na guerra nosa do 36, protagonizadas por tres inocentes que descubrían, dende as suas mentes brancas, o absurdo mecanismo co que as mentes intelixentes provocan a guerra e a desolación. Unha coidada luz e unha vontade nitidamente teatral aumentaban a maxia da evocación por medio da palabra.

Neste 2019, e seguindo o mesmo estilo, presenta “Vacas, guerras, porcos e cregos”.Conta a historia dun antepasado, Xuán o Fino, que era un home bo coa familia, pacífico e bo veciño, amigo de facer favores. Unha personaxe carente de interese para o público, por estar exento de maldade. Mais observando o entorno do patriarca, aparecen historias extraordinarias protagonizadas por personaxes menos virtuosos. Son coprotagonistas da historia vacas, curas, mentireiros, sementais, barbeiros, porcos, artistas de cine e militares. Aparecerá o parto dunha vaca, a historia da prohibición da aguillada, o uso do xabrón como silenciador, o brutal acto inseminativo, un militar pasando ferias, as nenas vaqueiras, un crego que domina a Lüger e a retórica, un barbeiro profético, fenómenos extraños na noite de vodas. Entre todas as personaxes desta fábula coral, destaca O Ghacheiro, un performer fedello, enredante e pícaro, que fai confluír, para asombro da veciñanza, unha das súas farsas co desembarque de Normandía.

Cultura

Publica o teu comentario agora