Valiosos restos vexetais

Valiosos restos vexetais
24 de Setembro, 2022 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Fene dispón este outono dunha trituradora de restos vexetais que se empregará nos traballos de podas en avenidas e espazos públicos. Axilizará os traballos e axudará a valorizar os restos vexetais. Comprouna o Concello para os departamentos de servizos e Medio Ambiente. O investimento foi de 24.200 euros, parte dos cales proceden dunha achega dos fondos Next Generation da Unión Europea para proxectos de reciclaxe e compostaxe.

A máquina vai ser de grande utilidade pois xa non haberá que carretar as pólas cortadas, segundo destacou a concelleira de Servizos, Sandra Permuy. Antes había que cargar as pólas cortadas no camión e facer varias viaxes para levalas ao punto de acopio. “Agora a máquina botará o material triturado directamente no camión ou en sacos tipo big-bag, ocupando moito menos espazo e facilitando o seu tratamento”, explicou. Ademais, o concelleiro de Medio Ambiente, Justo Ardá, detallou que o novo equipamento axudará a valorizar os restos vexetais que se poderán empregar como capa de cobertura en alcorques e xardíns ou para a compostaxe. O Concello porá o material triturado a disposición de Aspaneps e da veciñanza que participa no programa de compostaxe caseira para que poidan mellorar o seu compost, segundo anunciou Ardá.

A máquina subministrada por Torneiro Maquicoruña é un modelo GreenMech Arborist 130, dotado cun motor Honda de gasolina de 23 cabalos de potencia. O seu peso é inferior aos 750 quilos, de maneira que pode ser transportada a calquera punto do concello coma un remolque convencional. O aparello leva catro coitelas no interior coas que pode triturar pólas e follas a un ritmo de 3 toneladas por hora, o que veñen sendo aproximadamente 9,6 metros cúbicos de volume de ramallada. Dispón, ademais, dun sistema de alimentación especial para previr atascos que poderían ralentizar o traballo ou incluso danar o sistema de trinzado.

O Concello de Fene investiu na biotrituradora mecánica 24.200 euros, dos que 18.000 proveñen dunha axuda da Consellaría de Medio Ambiente con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, os fondos Next Generation. A compra chega a tempo para o outono, momento no que o Concello adoita iniciar o programa de podas en avenidas e espazos públicos.

Institucional

Publica o teu comentario agora