A vella orquesta local de Fene, nos anos 50

A vella orquesta local de Fene, nos anos 50

24 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Himno da orquesta local

“Olvídame este año”

“Chorar nenas de Fene
chorar, chorar, chorar
Que o carnaval xa é morto
e o vamos a enterrar.
 
Acabaches coas torradas
e tamén cos fereixós
e por eso este ano
temos que decirche adiós”

En Galicia, como en tantos lugares, cando se fala de festa fálase de música. A música é un elemento inherente ao carnaval, xa sexa vocal ou xa entren outros instrumentos no compango. En Galicia é lóxico pensar que se bote man de gaitas e pandeiros onde os haxa pero, a falta deles, os veciños e veciñas improvísaban unha orquestra con bombos , latas ou aveños de labranza. Iso debeu pensar en Fene Xoan Rodríguez Carballo “Tadetas” cando se lle pasa pola cabeza fundar a orquestra local. Hai que pensar que na taberna onde se xuntaban Tadetas e os seus para argallar a festa, cantaban arredor das filloas e do viño. Pero montar a orquestra supón un salto cualitativo porque supón sacala de portas a fora e compartila con todo o pobo. A orquestra local naceu, segundo conta Tadetas, despois do ano 1956. Como non eran virtuosos de nada, confeccionan a maior parte dos instrumentos como mellor saben. O bombo viña ser a metade dun bidón, o tambor,  que tocaba el mesmo, estaba feito con tablas dun caixón. Confesa Tadetas que a persoa que llo fixo pedíralle por el 5 reás que nunca chegou a pagar.
O saxofón era de verdade e mercáronllo a un garda civil. Ese sí se pagóu a 5.000 pesetas. A charanga compoñíana sete homes, e Tadetas era, como non podía ser menos, o director. Tamén un executor que tocaba todo e non tocaba nada. Segundo confesou el mesmo: “Cantante nunca fun pero, ao verme tocar, a xente ría…”
Chegado o tempo de antroido a orquestra local saía a tocar por todo o concello. Chegaban a pé dunha punta a outra, dende Fene ata Limodre, empuxados polo viño. A orquestra local durou bastantes anos pero, como bromeaba Tadetas, “ os músicos fixéronse famosos e querían cobrar” Para amortiguar os gastos que producía a murga, vendían unha rifa para o sorteo dunha cesta de carnaval.
A fama da orquestra local de Fene traspasou fronteiras e salvado o antroido contratábanos dende moitos sitios para animar outras festas mesmo de carácter deportivo. O presidente do Racing, ao que Tadetas se refire como “Carliños” contratóunos para ir tocar a un partido no estadio Manuel Rivera no Inferniño. Xogaba o Racing de Ferrol co Santander e estaba cheo de mariñeiros, segundo lembra Xoan Rodríguez Carballo. Se a ocasión así o requería reforzaban a orquestra local con músicos profesionais. Nunha  ocasión foron tocar ao baile de San Martiño, reforzados con Alfonso que tocaba na orquestra Lamas. A orquestra chegou a ter himno propio e mesmo uniforme. O buzo, que moitos anos despois sería consustancial ao antroido de Fene, convertíuse no uniforme que daba unidade ao conxunto musical. Narra Tadetas que era un problema porque cando querían mexar non había maneira. O mesmo que ocurríu cos instrumentos, o uniforme personalizóuse tamén. Pintáronno por riba de colores simulando un uniforme do exército.
E tiñan un himno, con letra e música de Tadetas e Rapelo. “Olvídame este año”, un himno que conxuga en escuetos versos toda a filosofía popular do antroido e que soa a a amarga despedida.
 

Sociedade