Vellos oficios para un tempo novo

Vellos oficios para un tempo novo
18 de Febreiro, 2021 - 11:56 h. | Publicada por Radio Fene

Nova edición das xornadas "Alternativas do rural” organizadas pola asociación Nordés Faladora, baixo o subtítulo de “Vellos oficios para un tempo novo”, para falar da xente que quere manterse no rural e que para iso emprendeu o camiño de facer da produción de queixo, mel ou sidra a base principal da súa economía, superando contratempos, trabas e dificultades nese proceso.

ESCOITA O PODCAST:

“Vivir no rural é posible. Iso queren demostrar a xente da asociación “Nordés Faladora” organizando este sabado dia 20 un acto virtual das 4ª xornadas “Alternativas do rural” na que van poñer tres exemplos reais de como se pode sobrevivir no rural do noso país. Os exemplos, nesta ocasión, serán unha queixería de Guitiriz, un fabricante de sidra da Estrada e os apicultores da zona que abarca a asociación, nos concellos de Ortigueira, Mañón e O Vicedo.

“Tres vellos oficios que hai que poñer en valor e demostrar que hai saídas laborais para non ter que marchar” afirma Ricardo Bellas, membro de Nordés Faladora. Engade que “co potencial que temos na terra e no mar, con boas ideas e un pouco de traballo está todo aquí”. Se a iso se lle suma unha boa xestión política e se lle dota de fondos da Unión Europea, os proxectos pódense levar a cabo. Iso sí, para poder traballar o que precisa o rural son unhas boas comunicacións, tanto boa conexión a internet como boas infraestructuras.

Queren demostrarllo á xente nova con exemplos como os que presentarán virtualmente o próximo sabado ás 18:00h. Nas Xornadas falarán do como vivir no rural con:

María Veiga de BISQATO,taller lácteo artesanal.

Jesús Armenteros do Lagar de Ribela, empresa familiar de producción de sidra galega.

Antonio Martínez de Mel do Santar e Manuel Rodríguez de AGA Ortegal.

Ricardo Bellas convídanos a participar nestas xornadas de dúas maneiras;  activamente con preguntas e intervencións ou só escoitando. Pódese participar directamente a través da plataforma de videochamada Jitsi Meet (https://meet.jit.si/nordés), ou a través da canle de Youtube de "Nordes Faladora" (https://youtu.be/7OMk4_A1Jho). Quen desexe máis información ten o e-mail asociacion.nordes@gmail.com.

Sociedade

Publica o teu comentario agora