Vendeuse por un prato de lentellas

Vendeuse por un prato de lentellas
14 de Abril, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

As lentellas son leguminosas cunhas sementes comestibles en forma de pequenos discos. Son idóneas para facer guisos quentes, con carne salgada de porco.

En Galicia non hai moita tradición destes xantares, pois os legumes secos son de secano. O cultivo non é deste país aínda que ao parecer no século XX prantáronse no Val de Monterrei e Verín. A Galicia foron chegando con forza nas fames posteriores á guerra co racionamento e grazas ao ferrocarril. As lentellas, proceder, proceden de Mesopotamia, segundo recolle Fausto Galdo no Abecedario das mantenzas, preto do actual Iraq, entre os ríos Eufrates e Tigris. Nestas terras é onde se relata a escena bíblica na que Esaú lle cede a Xacob a súa primoxenitura por un prato de lentellas. Daí ven o dito “vendeuse ou véndeste por un prato de lentellas”.

En Roma os guisos de lentellas tomábanse durante os velorios para amosar a dor polo defunto. Hipócrates pensaba que axudan a desintoxicar o fígado e que, aplicadas en emplastos, baixan a febre. Gustaron tanto aos romanos que aparecen nos dez libros do receitario de Apicio, o máis completo que queda do Imperio. Entre as recomendación rexistradas aconsellase unha mistura de lentellas con alcachofas, porros e castañas con moitas especias. Un médico de Carlos V, un dos primeiros nutricionistas da historia, non as aconsellaba aos cortesáns por pobres, indixestas e pouco nutritivas. Pero estiveron na dieta de Alonso Quijano ( Quijote) “lentellas os venres” que deron en interpretar que podían ser causa da tolemia deste home.

Hoxe as que máis sona teñen son as lentellas de Armuña, Salamanca. No refraneiro castelán aparecen como fontes de riqueza: “Ovellas, abellas e lentellas, todo son consellas”. Hai tamén este ben común: “Lentellas, se non as queres as deixas”. Acabamos cunhas lentellas viúvas: Poñemos as lentellas a remollo unha noite. Guisámolas na ola a presión cun rustrido que faremos antes cunha cebola picada, un allo enteiro,un pemento vermello corta en cadradiños e dous tomates pelados. Engádense algunhas herbas ao gusto e, opcionalmente patacas cortadas en dados ou unha presa de arroz. Servilas quentes.

(Na imaxe, lentellas veganas de Kukinhas)

Cultura

Publica o teu comentario agora