A vendima, a pleno rendimento

A vendima, a pleno rendimento
22 de Setembro, 2021 - 12:53 h. | Publicada por Radio Redondela

A vendima está xa a pleno rendemento na Denominación de Orixe Rías Baixas. Despois das tormentas da pasada semana, a gran maioría das adegas da denominación xa comezaron a presente campaña dun modo ordenado. O director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, concreta que "teremos que esperar un pouco debido á meteoroloxía pero pódese dicir que na denominación xa pasamos o ecuador da vendima con 28 millóns de quilos de uva recollidos".

As 179 adegas elaboradoras nesta campaña xa se atopan de cheo en labores de recollida da uva. "Á vista do óptimo estado de maduración da uva e a estabilidade atmosférica existente, a vendima xeneralizouse nas cinco subzonas", indica Agustín Lago, quen asegura que "parece que se van cumprindo s cifras recollidas no Informe de Estimación de Colleita 2021, presentado polo Órgano de Control e Certificación da Denominación de Orixe Rías Baixas, e que teremos unha moi boa colleita de arredor de 43,7 millóns de quilos de uvas". 

As subzonas máis madrugadoras foron as do Condado do Tea e O Rosal. Neste momento as adegas da denominación recollen as variedades brancas (levan 27.995.000 millóns de quilos) para logo dar paso ás tintas, das cales até agora só se recolleron5.000 kg.

Na presente campaña de vendima participan 179 adegas elaboradoras, así como un total de 5.046 viticultores que recollerán a uva nas 4.187 hectáreas de superficie produtiva da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Protocolo específico para veedores e persoal técnico

O Consello Regulador conta cun protocolo e unhas normas de prevención específicas contra a COVID-19 para os 24 veedores/auditores e para o persoal técnico implicado na presente campaña de vendima. Estas directrices establecen unha serie de medidas para garantir a seguridade do labor de auditoría desenvolvida durante o proceso de recollida da uva coa intención de evitar, na medida do posible, os contaxios.

Ademais das normas xerais -uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e distancia mínima de seguridade interpersoal-, establécense unha serie de especificidades relativas ás auditorías a realizar nas adegas inscritas e en viñedo. Veedores e adegas informan dos seus respectivos protocolos de actuación co fin de que ambas as partes respecten as directrices que neles se reflicten, optimizando, deste xeito, o seu labor. Unhas tarefas de auditoría e control que se complementan coas de inspección desenvolvidas pola Xunta de Galicia. 

Datos da Vendima 2020

Uva vendimiada   34.470.166 kg

Hectáreas        4. 090

Viticultores          5.147

Adegas Elaboradoras        159





     

 

 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora