Venres negro

Venres negro
23 de Novembro, 2023 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Parece que leva toda a vida”, pero non é así. Os agardados descontos do Black Friday naceron na cidade de Filadelfia, nos Estados Unidos, na década dos 60, e recibiron o pulo definitivo co comercio por internet. No espazo Cultura Tecno de Radio Fene o experto en novas tecnoloxías Iago Varela falou deste fenómeno do comercio mundial e deunos consellos para non caer en compras compulsivas.

ESCOITA O PODCAST:

“Antes estaba moi orientado a produtos de electrónica, despois de 2013 xeralizouse a viaxes, roupa, alimentación”. E non son os únicos cambios. “Nas orixes as ofertas eran grandiosas porque o obxectivo era desfacerse do stock antigo, hoxe o máis habitual son descontos do 10 ao 20% e tamén se aplican a dispositivos recen lanzados”.  

O Black Friday parece que naceu para que os comerciantes aseguraran a volta das súas contas a números negros logo do Día de Acción de Grazas, data simbólica nos Estados Unidos. Os consumidores poden beneficiarse adiantando as compras de regalos para o Nadal, pero hai que evitar compras compulsivas ou sen estar ben informado. “Unha das denuncias máis habituais débese a que ten que aparecer sempre o prezo de referencia. Moitas empresas poñen o prezo do produto cando se lanzou e o que teñen que aparecer por lei é o máis baixo que tiveron no último mes”. 



 

Sociedade

Publica o teu comentario agora