Vente pa´ Cuba, vén a Ribadeo

Vente pa´ Cuba, vén a Ribadeo

10 de Xullo, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Escoitamos unha habaneira de recendo cubano para vestir o traxe branco e o chapeu e saír a recibir á boca da ría aos emigrantes que marcharon. Os indianos volven polo verán a Ribadeo. Facíano hai un século para deixar unha pegada inconfundible na vila mariñá e vólveno facer agora grazas a unha proposta cultural e de lecer que, durante esta fín de semana, devolverá a localidade a un tempo no qu

Este evento Ribadeo Indiano pretende dar a coñecer e á vez valorar o legado que a emigración deixou na nosa sociedade: un importante patrimonio arquitectónico, tanto en arquitectura doméstica como pública (escolas, casinos, cines, cemiterios, fontes, igrexas, etc), e unha influencia nas sociedades da época, na industrialización, o comercio, a moda, os costumes, a gastronomía... A evidencia máis palpable que deixaron entre nós, foi a arquitectura e por iso, se pretende reforzar sinalizando as casas indianas e un percorrido que facilite a súa compresión. Segundo a concelleira de Turismo, Ana María Martínez, Ribadeo conta coa maior concentración galega de casas de indianos.

O proceso de desenvolvemento de Ribadeo a principios do XX preséntase claramente relacionado co fenómeno da emigración, en canto que supón un gran pulo para o crecemento económico da vila, así como no seu carácter sociocultural.  A emigración a América converterase nun fenómeno que axuda a explicar a historia e o desenvolvemento de Ribadeo así como o de moitas vilas de Galicia e Asturias. Rescatar a memoria deses emigrantes, triunfadores ou non, é outro dos obxectivos de Ribadeo Indiano, en palabras da edil Ana María Martínez.

Aproveitando un rico escenario arquitectónico, e coa intención de rememorar vellos tempos, pretendese facer do Ribadeo do século XXI, un escenario onde localizar un ambiente propio de principios do século XX recreando unha sociedade claramente influenciada pola cultura, tradicións e modas traídas polos indianos. Con este evento  pretenden dar a coñecer e valorar o legado que a emigración deixou. Esta segunda edición vai ser internacional pois achegará a Ribadeo xente de Miami, segundo informou ás Emisoras Municipais Galegas, Ana María Martínez.

Son moitas e moi variadas as actividades programadas do venres ao domingo. O mercado de ultramar que se instalará na rúa San Roque, onde encontraremos produtos característicos da época, é unha delas. A gastronomía dos países de procedencia dos indianos, así como os pratos e bebidas traídos por eles, poderemos degustalos nas "casas de comidas" . E despois están as visitas guiadas ás casas de indianos, no casco urbán e nas parroquias de Rinlo ou da Devesa. Conferencias sobre o tema no teatro de Ribadeo e numerosos bailes ao ritmo da música da época.

Sociedade