Vicepresidencia licita as obras do centro de día de Redondela

Vicepresidencia licita as obras do centro de día de Redondela

18 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O futuro edificio levantarase nunha parcela de 3.300 metros cadrados situado nas inmediacións do peirao de Cesantes na Avenida Mendiño. O centro ofrecerá trinta prazas de atención de día e outras dez residenciais e dará traballo a medio cento de profesionais.

 

As obras deberán ser executadas nun prazo de 20 meses e permitirán dotar ao municipio dun servicio moi demandado xa que se estima que un 15’7 por cento da poboación de Redondela é maior de 65 anos e que existen un total de 180 persoas con grandes dependencias.

 

Segundo explicaba a concelleira de servizos sociais en Redondela, Rosa Costas, con este centro perséguese que a familia conte cunha axuda para atender ao dependente durante o día, pero que a un tempo esas persoas non se desvinculen do ámbito familiar “motivo polo que a maior parte das prazas destinaranse á atención de día e só dez do total serán de carácter residencial”.

 

O departamento da Xunta realizará un proceso de valoración de cada unha das persoas que demanden unha praza para establecer un plan individualizado de atención no que se detallarán os servizos e prestacións correspondentes a cada usuario.

 

Institucional