Vida e árbores

Vida e árbores
13 de Marzo, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Afortunadamente, as árbores de Fene gozan de boa saúde. “O seu estado xeral é bo no 99% dos casos”, declarou o concelleiro de Medio Ambiente, Justo Martínez Ardá. Falamos con el e coa concelleira de Servizos, Sandra Permuy en Radio Fene sobre a conservación das zonas verdes e sobre a conmemoración, este mes, do Día da Árbore, que se celebra o 21, e do Día da Auga, o 22.

 

ESCOITA O PODCAST:

 http://173.255.131.18/audio/100323PERMUI.mp3

Fotografía: Xosé María Rivera Arnoso plantando o Día da Árbore de 1981. Colexio O Ramo de Barallobre. 

O Concello de Fene ten previsto facer nesas datas unha plantación simbólicas, a cargo de persoal municipal, dado que houbo que adiar, por motivos académicos a tradicional plantación a cargo de escolares, segundo nos explicou Justo Ardá. “Faremos unhas plantacións simbólicas por parte do persoal do Concello, no parque do Piñeiro, en Maniños, duns ameneiros e a plantación dunha cica no cemiterio municipal”. “As dos escolares quedan adiadas para abril, cando o alumnado do IES de Fene estea máis liberado da carga escolar nunhas parcelas municipais que hai arredor do instituto”, anunciou.

O Concello tamén traballa para mellorar as zonas verdes de Fene. Anunciouno a concelleira de Servizos, Sandra Permuy “estamos a facer un estudo para melloralas, agora que estamos en época de poda e de transplantar, mellorar os parques e xardíns que son zonas de esparcemento para a veciñanza”. Entre as medidas que se avalían está o problema que causan as magnolias na Avenida dos Naturais, que levantan as beirarrúas e dificultan o paso de persoas con mobilidade reducida ou con carriños de crianzas. Permuy tamén aproveitou para “recoñecer o traballo do equipo de xardinería do Concello logo dos duros temporais de finais do ano pasado e principios desta que causaron moitas roturas e caídas de pólas”.

Institucional

Publica o teu comentario agora