A vida sen fume sabe mellor

A vida sen fume sabe mellor

29 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Sociedade Española de Medicina de Familia promove estes días a celebración da X Semana sen Fume. Con esta iniciativa quérese poñer o acento na importancia e nos perxuizos que supón o tabaquismo pasivo, ademais de tentar promover entre os cidadáns novos modelos de vida, libres de fume de tabaco. Narón foi un dos concellos que este ano se implicou activamente nesta conmemoración que precede ao Día Mundial sen Tabaco.

Ao redor de 400 escolares de primaria e primeiro da ESO participaron este ano na Semana Sen Fume do concello de Narón. Os actos concluiron este mediodía cunha recepción do Alcalde a un grupo de alumnos dos colexios A Solaina e Santiago Apostol, ademais da entrega dunha acreditación de “Aula comprometida coa saúde” a cada un dos grupos participantes.  

Sensibilizar aos veciños e veciñas sobre os problemas de saúde derivados do tabaquismo, é un dos obxectivos do programa Consanar que impulsa a Concellería de Sanidade do Concello de Narón e que este ano, dentro da programación específica para a Semana sen Fume, puxo en marcha unha curiosa iniciativa convertindo aos nenos e nenas en axentes educadores dos maiores.  

Baixo a supervisión das súas familias, os alumnos e alumnas dos centros participantes trocaron ao longo da semana cigarros por froitas e verduras, nun intento de promover tamén unha alimentación saudable. 

Fóra xa do ámbito escolar, Consanar 2009 inclúe tamén este ano outras actividades dirixidas ao público en xeral, como charlas ou obradoiros de cociña saudable.

Sociedade