A vida sigue

A vida sigue
07 de Abril, 2020 - 11:44 h. | Publicada por Radio Fene

Que o Covid 19 non nos paralice, afirma o alcalde de San Sadurniño. Secundino García é consciente de que a xente do rural leva mellor o confinamento que a xente da cidade.

ESCOITA O PODCAST:

“Vivir na aldea ten as súas vantaxes”. Afírmao o alcalde de San Sadurniño para significar que a crise do Covid 19 é máis doada de levar no rural que nun piso da cidade. O concello de San Sadurniño ten 3000 habitantes e máis de 200 lugares. Ese illamento natural fai que a veciñanza deste municipio xa estea afeita á reclusión e á soidade, e tamén á solidariedade alimentaria. Cada quen ten a súa horta, a súa rede familiar, por iso o concello ten que botar unha man ás persoas que realmente están soas e son poucas. Iso non quita que a veciñanza estea preocupada polas consecuencias económicas desta crise porque hai veciños que son vítimas dos ERTES.

Na Residencia de Maiores de San Sadurniño están pendentes dos resultados das probas de coronavirus que se lles realizou a residentes e persoal despois de que unha muller dera positivo. Pero seguen traballando con normalidade, extremando as medidas hixiénicas, á espera dos resultados. Secundino García cóntanos todo isto cunha mensaxe de fondo; "que o confinamento non nos paralice porque a vida sigue". Como é un home pragmático, neste momento di que hai que colocar as trampas ás velutinas para diminuír a súa presencia no verán. Ademais, insiste Secundino García, “é unha boa maneira de pasar o tempo”.

Imaxe do arquivo de Radiofusión. Feira da plantación en San Sadurniño)  

Institucional

Publica o teu comentario agora