Vigo recupera a súa memoria musical

Vigo recupera a súa memoria musical

07 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Que canción, melodía, sintonía ou banda sonora gardas na túa memoria e por que? Medio milleiro vigueses contestaron a esta pregunta e as súas respostas conforman a mostra Música en branco. Memoria dunha cidade, que se pode descubrir até o próximo 27 de marzo no Museo Verbum.

A exposición, comisariada polo Festival Sinsal, arrinca con seis tarimas-altofalantes. Cada unha delas contén arquivos de audio coa música seleccionada segundo as respostas dos entrevistados. O visitante, ademais de rodearse por unha infinidade de melodías e voces, ten en cada tarima un soporte no que deixar o seu testemuño escrito. Ademais habilítanse gravadoras para aqueles que queiran sumarse ao proxecto e compartir cal é a canción protagonista da súa memoria particular. Despois do Verbum, as esta instalación virará por diferentes escenarios e eventos até finalizar o 2011, declarado Ano Internacional Da Música 2011.

No marco deste proxecto homenaxearase esta fin de semana ao programa radiofónico A Trincheira, considerado un dos referentes da movida viguesa dos 80. O que fora o seu director, Emilio Estévez, volverá este sábado a conducir o espazo, que contará con convidados especiais. Será a partir das cinco da tarde e con entrada de balde.

Sociedade