Vilalba celebra as Letras Galegas cunha Carreira Popular

Vilalba celebra as Letras Galegas cunha Carreira Popular

12 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O vindeiro sábado 15 de maio terá lugar a I Edición da Carreira Popular das Letras Galegas, que substituirá ao tradicional Cross que se viña celebrando para festexar esta festividade. O evento, que discorrerá polas principais rúas da vila, espera contar cuns 200 participantes e ten vontade de continuidade. A carreira comezará ás 16.00 horas para os menores de 17 anos e ás 17.00 horas para a categoría absoluta.

O alcalde da vila, Gerardo Criado, que a través deste evento “unirase un día especial para Galicia co deporte nunha carreira que está aberta a todos, tanto á comunidade escolar como ao resto da cidadanía”. Criado estableceu que este tipo de actividades son moi importantes para o Concello, xa que permiten “colaborar cos mais novos, ademais de promover o deporte, a cultura e os hábitos saudables entre a veciñanza”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes e primeiro tenente de alcalde, Jesús Bermúdez, afirmou que esta competición “ten intención de crecer e de acadar importancia dentro do panorama das carreiras populares en Galicia, pero para iso ten que haber unha primeira edición, da que sacaremos conclusións para mellorar”. Segundo Bermúdez, este novo evento deportivo substituirá ao Cross das Letras Galegas, porque “estaba un pouco obsoleto. Contabamos con 600 ou 700 participantes, dos cales había moitos escolares que ao final non acudían”. Para o concelleiro popular, a súa situación , nos terreos da Magdalena “eran un hándicap, porque a maioría da xente de Vilalba non se enteraba ou non acudía alí a ver a competición”. Este foi un dos motivos polos que o circuíto da popular será urbano, “para que a xente participe e vexa as evolucións dos atletas en directo”.

Percorridos en función das diferentes categorías

Preto de seis quilómetros serán os que deberán percorrer os participantes sénior na I Edición da Carreira Popular das Letras Galegas. Haberá dúas categorías, a de menores, para aqueles nados antes de 1984; e a absoluta para o resto, que á súa vez se subdivide en mais de 17, mais de 27, mais de 37, mais de 47, e mais de 57. Os premios serán de 100 euros para o gañador, 75 para o segundo e 50 para o terceiro.

Entre as normas de obrigado cumprimento estará a imposibilidade de empregar vehículos de axuda,  así como o dorsal deberá ser colocado visiblemente na parte dianteira do corredor, sen poder facer ningunha modificación nel. Na proba absoluta será obrigatorio o uso do chip de cronometraxe subministrado pola organización, excepto para os propietarios de chip amarelo que poden utilizar o seu.

Os corredores adultos darán dúas voltas a un circuíto urbano que terá a saída e a meta na Praza da Constitución. O resto da ruta, de seis km., comprenderá as rúas Galicia, Cidade de Lugo, Rúa da Feira, Rúa Pintor López Guntín, Avenida Terra Chá, Rúa de Muras, Rúa Campo de Puente, Rúa Basanta Silva e comezo da 2ª volta ao  mesmo percorrido.

Para os cativos haberá 3 categorías: unha de mais de 5 anos, que correrán 450 metros  saíndo na Praza da Constitución, pasando pola rúa de Galicia, rúa Xosé María Chao Ledo e volta á meta pola rúa Praza da Constitución (Praza de Abastos); os de mais de dez sairán da Praza da Constitución e pasarán pola rúa da Pravia, rúa Campo de Puente e volta á meta pola rúa Basanta Silva, para 850 metros, e os de mais de 13 deberán correr 1.600 mtrs. saíndo da Constitución e pasando rúa da Pravia, rúa Campo de Puente, rúa de Muras, rúa de Foz e volta á meta pola rúa Basanta Silva.

As inscricións poderanse facer on-line na páxina web www.championchipnorte.com, mentres que as presenciais serán na Oficina de Deportes do Concello de Vilalba en horario de 10 a 13:30 horas. O peche das mesmas será o xoves 13 de maio ás 13:30 horas.A cota para poder apuntarse será de 2 euros mais un para aqueles que non posúan o chip.

Ademais, desde o Concello habilitaranse aparcadoiros no Campo da Feira, e nas rúas de de Abadín e Guitiriz; un gardarroupa e un servizo de duchas, nos vestiarios 5 e 6 do Pavillón Municipal de Deportes situado no Campo da Feira, a 400 metros da zona de meta.

Entrega de premios do Certame literario o luns 17

Ademais, desde o departamento de Cultura vilalbés anunciouse que o vindeiro luns 17 de maio o Auditorio Carmen Estévez, contra ás 19.00h da tarde acollerá a entrega de premios do Certame das Letras Galegas, e estará amenizado coa actuación do grupo de música popular “Entre Lusco e fusco”.

Deportes