Vinte anos do Prestige

Vinte anos do Prestige
04 de Novembro, 2022 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

O xornalista galego Gonzo, volveu traballar na terra para refrescarnos a memoria sobre o pesadelo do Prestige, cando están a punto de cumprirse dúas décadas daquela catástrofe ambiental. Gonzo é o presentador de Salvados, programa da Sexta que dedica unha edición especial ao Prestige. “O que intentamos foi lembrar os feitos, pero tamén as sensacións e as consecuencias sociais daquela catástrofes. Non só falan responsables directos da xestión, tamén os técnicos e ata viaxamos a Filipinas. A nosa gran teima foi intentar escoitar ao capitán do barco”, explica a Radio Fene nunha entrevista que se emitirá este venres na Fenestra

ESCOITA O PODCAST:

“Vinte anos despois, o desastre do Prestige segue vivo nos tribunais, en Londres, onde o Estado español lle reclama arredor de 1.000 millóns á aseguradora do barco”. O dia 13 de novembro vanse cumprir vinte anos do comezo da catástrofe. O sinistro do petroleiro que nos encheu de chapapote e de indignación. “Na hora que dura Salvados era imposible abordar todo o que sucedeu”. Gonzo conduce un programa que aborda a catástrofe en dous capítulos. O primeiro emitirase este domingo, día 6, e o segundo o día do aniversario, o domingo, día 13. As costas galegas foron as máis prexudicadas pola marea contaminante, pero a catástrofe do Prestige tamén se deixou sentir noutros lugares de España e mesmo de Portugal ou Francia. O suceso puxo en evidencia a nefasta xestión por parte do Goberno. Será por iso que ningún responsable político do Goberno de Aznar, quixo falar do sucedido. “Nin Álvarez Cascos, nin Matas, nin Cañete, nin Rajoy quixeron falar con nosoutros”. E da Xunta, só o que fora conselleiro de Pesca, López Veiga. Si respondeu quen fora director xeral da Mariña Mercante, López Sors, o único responsable do Goberno que acabou sentado no banquiño. “Con el tivemos unha longa entrevista e para min é dos momentos máis impactantes dos dous programas escoitar a López Sors vinte anos despois como fala con convicción daquilo que fixeron”. “Solta unha frase na que dí a veces penso que ogallá houbera outro caso como o do Prestige para que se vira que o que fixemos é o que hai que facer nestes caso”. Gonzo, que é de Vigo, traballaba daquela como xornalista en Lugo e lembra “a sensación de cabreo e de indignación, sobre todo cando íamos vendo como pasearon o Prestige por toda a costa atlántica galega”. Foron meses de sufrir os efectos da contaminación, que combateron moreas de voluntarios e que fixo

 agromar un sentimento de indignación tal que agromou nunha masiva manifestación en Santiago, unha das maiores de historia de Galicia. E o Prestige tamén trae a memoria os intentos de manipulación por parte dun Goberno obcecado en negar a evidencia ata o punto de asegurar, coa costa negra polo chapapote, “as praias están esplendorosas”. “O Prestige afundiu, pero as fake news afloraron. Creo que a primeira vez, en democracia, que houbo un intento tan descarado de manipulación”, reflexiona Gonzo.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora