ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é un proxecto que pretende impulsar unha transición cara á sostenibilidade ambiental e aumentar a resiliencia na xestión dos montes da comarca do Barbanza. Trátase dunha iniciativa na que están implicadas distintas entidades públicas e privadas que, ademais, conta con financiamento Next Generation canalizado a través da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición ecolóxica e o Reto Demográfico. O seu obxectivo é cambiar o paradigma da xestión forestal no Barbanza -unha zona arrasada ciclicamente polos incendios- apostando pola biodiversidade, a economía circular e a creación de emprego verde. Na procura desa transformación, o colectivo está coñecendo experiencias que poidan darlles ideas ou novos puntos de vista e, nese sentido, representantes do Laboratorio estiveron este martes na Fusquenlla para coñecer con máis detalle como está botando a andar o centro de transformación agroalimentaria e cales son os aspectos clave da súa xestión.
O Laboratorio intégrano a Fundación RIA (entidade coordinadora), a Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela (a través do CISPAC e os grupos de investigación Histagra e Uxafores), a Universidade Pablo de Olavide, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola.
A visita ao centro de apoio ao medio rural de Moeche responde ao interese deste colectivo -e nomeadamente o da Plataforma pola Defensa do Monte- en poñer en marcha un centro de transformación de materias primas na Comunidade de montes de Baroña, en Porto do Son.
De feito, a delegación do Laboratorio Ecosocial do Barbanza estivo encabezada por Ovidio Queiruga, presidente da comunidade de montes, e por Rafael Seco, presidente da plataforma, que foron recibidos pola alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, o edil de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manuel Varela Mecías, o ADL de San Sadurniño, Roberto Lindín Novo, e as deputadas provinciais Cristina García Rey e Rosa Ana García López.
Tamén participaron no encontro Miguel Teixido Sotelo, xerente do GDR Seitura 22, e Luisa Lista Ameneiro, responsable de Coordinación de Proxectos Técnicos no Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña, onde se encadra a Rede Coworking á que pertence o centro de transformación situado no recinto feiral de Moeche.
No transcurso da súa visita ás instalacións da Fusquenlla, as persoas representantes do proxecto barbanzán puideron ver como se distribúen os espazos para as elaboracións de horta, froita e mel, así como o equipamento dispoñible neste momento, que se verá ampliado en breve cun investimento superior aos 165.000 euros cofinanciados cunha achega da Deputación da Coruña e con axudas europeas do Plan Leader canalizadas pola AGADER a través do GDR Seitura 22.
Ademais, desde o Laboratorio Ecosocial do Barbanza tamén se mostrou interese polo modelo de funcionamento autoxestionado que se tenta implantar na Fusquenlla e pola maneira en que os sete concellos promotores -Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, San Sadurniño, As Pontes e Valdoviño- están apostando decididamente pola reactivación do rural. Unha aposta que, gracias ao centro, lles ofrece ás pequenas explotacións da provincia un lugar perfectamente equipado e co seu propio rexistro sanitario para elaborar conservas, marmeladas, zumes e outros produtos transformados de alto valor engadido.
Fotografías: Roberto Lindín Novo
Publica o teu comentario agora