Visitamos o chalet do Areal

Cuba e Arxentina foron destinos preferidos polos emigrantes de Cabanas
28 de Setembro, 2020 - 12:17 h. | Publicada por Radio Fene

O chalet do Areal, Vila Frayán ou a Escola Laica son exemplos de arquitectura indiana, ben privados ou colectivos, promovidos polos emigrantes de Cabanas. O seu valor histórico convérteos en valor turístico.

ESCOITA O PODCAST:

Achegámonos hoxe ao chalet do Areal nº 27 de Cabanas, un gran exemplo de arquitectura de indianos neste municipio de A Coruña, que foi erguido entre 1930 e 1934. O seu promotor foi un emigrante á Arxentina, Emilio Blanco, que fixo fortuna en Bos Aires, primeiro traballando nunha empresa de viaxes de pasaxe e despois como empregado municipal. A técnica de cultura de Cabanas descúbrenos unha curiosidade, que o chalet do Areal ten un xemelgo en Narón, a casa Antón, que é idéntica. “Ao parecer era habitual aproveitar os planos e compartir os proxectos” afirma González, quen nos pon outro exemplo de xemelgas, a Vila Frayán (San Martiño do Porto) e a Casa Rosa de Pontedeume, practicamente idénticas.

Vila Frayán (1920) é outro exemplo de estilo ecléctico, neste caso construída polos irmáns Patiño, emigrantes en Cuba que fixeron fortuna grazas a ter aló a concesión dos reloxos suízos. Tamén merece a pena visitar en Cabanas a Escola Laica, na nacional 651, construída en 1929 pola Sociedade Luz de América, de San Martiño. Cuba foi o destino preferido polos emigrantes deste concello. “Aparte das construccións particulares, os emigrantes reuníanse en sociedades benefactoras dos seus pobos para que estes accedesen á cultura”. É o caso da Escola Laica de Cabanas. A maiores do seu valor arquitectónico, está o seu valor histórico e social.

Cultura

Publica o teu comentario agora