Visitantes de Arzúa: moitos e variados

Visitantes de Arzúa: moitos e variados

15 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

1000 persoas máis ca no 2008 son as que nos meses de xullo e agosto deste ano pasaron pola Oficina de Turismo de Arzúa, situada en pleno Camiño de Santiago, na chamada Praza do Peregrino. Os datos facilitados pola Concellería de Turismo de Arzúa cifran en 4.175 as persoas que durante este período se achegaron ata o punto de información turística para efectuar consultas relativas a lugares que visitar ou aloxamentos nos que pernoctar.

Do balance feito pola Concellería de Turismo destaca, ademais do importante incremento de turistas con respecto ao ano anterior, a procedencia dos visitantes que nunha ampla maioría proveñen de diversas rexións do territorio español e nunha menor cuantía de países do estranxeiro. De feito e tal e como se pode comprobar nos datos aportados por Mary Sánchez, persoa encargada de atender a oficina durante estes dous meses, das 4175 persoas que pasaron pola oficina, 3995 procedían dalgunha rexión do noso país e só 180 chegaron a Arzúa dende algún país do estranxeiro. No pasado ano o punto de información turístico de Arzúa foi visitado por 3.027 persoas, delas case un 50% eran españois e o outro 50% turistas estranxeiros. As cifras polo tanto indican que se incrementou notablemente o número de visitas, pero éstas son efectuadas por visitantes nacionais nun 90%. Estes datos representan un síntoma claro de que o Camiño de Santiago se ten convertido nunha alternativa de ocio para un amplo número de turistas que aproveitan as súas vacacións para peregrinar a Compostela, axudados por unha forma de viaxar máis económica e tendo en conta que nos atopamos ás portas do Ano Santo.

Segundo os datos ofrecidos pola Concelleira de Turismo, Marisol Ríos, e a persoa responsable da oficina, Mary Sánchez, a gran maioría de viaxeiros que pasa por Arzúa son peregrinos que veñen facendo o Camiño de Santiago, vén sexa por motivos relixiosos ou por facer turismo, principalmente. O 70% peregrinan polo Camiño Francés e un 10% polo Camiño do Norte. O outro tipo de visitas que recibe a nosa vila é de xente que está de paso ou aloxada en turismo rural da zona que quere coñecer o entorno e Galicia; a porcentaxe destes visitantes sería dun 10% con respecto á cifra global. O 10% restante correspondelle a emigrantes que teñen familia aquí e que proceden na súa maioría do País Vasco ou Cataluña. A maioría das cuestións efectuadas polos visitantes foron relativas ao Camiño Francés, se ben tamén foron moitos os que se interesaron por coñecer zonas que visitar en Arzúa e nos arredores ou por dar con establecementos nos que poder aloxarse.

Por comunidades, foi Madrid quen aportou o maior número de visitas, cun total de 507, seguida de Cataluña, con 451. Tamén é de salientar o número de consultas efectuadas polos andaluces cun total de 330 ou dos valencianos, 345. Prácticamente, segundo indicou a concelleira Marisol Ríos, "podemos indicar que tivemos visitantes de todas as comunidades autónomas, chama a atención por exemplo o caso das Illas Canarias con máis de 50 persoas que se achegaron ata a oficina o que nos indica claramente que Arzúa é un lugar turístico por excelencia, con productos e recursos de calidade que ofrecer a quen nos visita". Con respecto aos datos de visitantes procedentes do estranxeiro seguen salientando, igual que ocurría o pasado ano, as visitas de turistas procedentes de Italia, Francia, Alemaña e Holanda.

Sociedade