Viva o rock

Viva o rock
18 de Setembro, 2026 - 02:31 h. | Publicada por Radio Fene

Vintetrés anos facendo gozar en San Valentín aos afeccionados á música rock. Comeza o Fenerock pola tarde noite deste venres. A alcaldesa Sandra Permui e o concelleiro de servizos, Adán Chao, revisaron coa organización a montaxe dun dos festivais de referencia do calendario cultural municipal.  

Boas previsións meteorolóxicas e de asistencia de público no Fenerock O Concello apoia o festival cunha subvención nominativa de 11.000 euros, medios loxísticos e persoal municipal, e promove coa Deputación da Coruña o concerto de Tona na sesión vermú do sábado. A alcaldesa, Sandra Permui, destacou “o enorme traballo que hai detrás dun festival que leva o nome de Fene e que ano tras ano consegue atraer público de dentro e de fóra da comarca” e  agradeceu “o compromiso da organización e de todas as persoas que fan posible manter viva unha cita plenamente consolidada no noso calendario”.

A organización fai un chamamento a participar na comida cidadán do domingo. Os prognósticos indican que en toda a fin de semana non vai haber problema co tempo. Desde a organización poñen en valor o gran traballo dos 61 voluntarios colaboradores que axudan na organización do festival. Agradecen os apoios do Concello de Fene, a Deputación e o comercio local. 

Concertos previstos

A programación principal arrancará este venres con Window Pane (21.45 h), seguida de Aphinnic (23.05 h), Hamlet (00.30 h) e Abaixo Cu Sistema (02.20 h). A noite rematará coa actuación de DJ R4tibrón.

O sábado subirán ao escenario Nuada (21.30 h), El Drogas (23.00 h), CGPP (00.50 h) e Golfa (02.20 h), antes dun novo peche a cargo de DJ R4tibrón.

A actividade vai máis alá dos concertos nocturnos. O sábado celebrarase unha sesión vermú de acceso gratuíto, que comezará ás 12.30 horas coa actuación de Tona, o novo proxecto musical de Miguel Cernadas (Terbutalina). Este concerto está promovido polo Concello de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña. A continuación, ás 14.00 horas, actuará MU2.

Xa pola tarde, a música sairá do recinto cun roteiro por Fene da charanga Galiza Sound Machine, contribuíndo a estender o ambiente do festival polas rúas e establecementos da vila antes de retomar a programación nocturna.

A programación prolongarase tamén durante a mañá do domingo, cunha nova sesión vermú aberta ao público a partir das 12.30 horas, na que actuarán Los Tigres del Cañotas e Combos Rockschool. A xornada completarase cun xantar popular, poñendo o broche a tres días de música e convivencia arredor do Fene Rock.

As entradas para os concertos do festival están dispoñibles na web oficial do festival, fenerock.gal.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora