Vivenda digna e asequible

Vivenda digna e asequible
09 de Xuño, 2025 - 02:04 h. | Publicada por Radiofusión

Unha ampla delegación de alcaldesas e representantes institucionais participará os vindeiros 11 e 12 de xuño nunhas xornadas de traballo sobre o acceso á vivenda organizadas pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no Parlamento Europeo de Bruxelas, e a Alianza Libre Europea, o grupo no que se integra o BNG na Eurocámara. “A falta de vivenda asequible e digna en Galiza, os prezos do alugueiro ou as vivendas de uso turístico serán algúns dos problemas que se abordarán nestes dous días na Eurocámara”, explica Ana Miranda.

“Temos que levar as diversas voces galegas sobre vivenda a Bruxelas, posto que este é un dos temas que máis preocupan aos galegos e as galegas e é un obxectivo prioritario do BNG que os galegos e galegas teñan acceso a unha vivenda digna e asequible”, subliña a eurodeputada do Bloque, quen indica que a delegación galega estará integrada por unha ampla representación da realidade social e xeográfica galegas.
Así, a delegación está conformada polas alcaldesas de Cangas do Morrazo e Barreiros, Araceli Gestido e Ana Ermida; o responsable da Comisión de Vivenda da Executiva do BNG, Xurxo Rodríguez o concelleiro de Urbanismo de Santiago
de Compostela, Iago Lestegás, e o concelleiro da Área de planificación do territorio de Pontevedra, Alberto Oubiña; o vicepresidente da deputación de Lugo e concelleiro en Sarria, Efrén Castro; os portavoces municipais de Ourense e
Ferrol, Luis Seara e Iván Rivas; as concelleiras de Vigo e A Coruña, Ana Martínez e Avia Veira; a concelleira en Ames, Escarlata Pampín; o concelleiro en Sanxenxo, Fran Leiro; e a responsable comarcal de Lugo Sur, Rosana Prieto.
Fondos europeos
“Nos diferentes concellos, o BNG estamos levando adiante iniciativas para garantir o acceso a vivenda digna e asequible e pensamos que estas propostas teñen que ser escoitadas en Europa”, sinala Ana Miranda, quen ademais indica que o Parlamento Europeo creou recentemente a Comisión de Vivenda, unha comisión que ten competencias para elaborar un informe final no que se trasladen as problemáticas que se producen nos distintos territorios e estados. “Queremos que este documento reflicta a realidade galega”, manifesta a eurodeputada do BNG, ao tempo que defende a necesidade de que Galiza reciba fondos para vivenda no seguinte período orzamentario, “e para iso é preciso recoñecer que este é un dos principais problemas do país”.

Institucional

Publica o teu comentario agora