Vivimos no medio do mar

Vivimos no medio do mar
15 de Febreiro, 2021 - 02:34 h. | Publicada por Radio Fene

Conversamos con Xurxo Souto sobre o mar. A disculpa é a reedición do seu libro "O retorno dos homes mariños" (Xerais 1999). A disculpa é perfecta para volver falar do mar e das súas criaturas, porque na escola ninguén nos falou del.

ESCOITA O PODCAST:

Edicións Xerais ven de reeditar o libro de Xurxo Souto “O retorno dos homes mariños” de 1999, vinte anos despois. Unha ocasión perfecta para falarmos de historias do mar recollidas neste libro e noutros como “Contos do mar de Irlanda” e “ o ultimo “A gran travesía de Chiruca Macallás”. Para falarmos con el das personaxes que manteñen vivas esas historias, entre reais e mitolóxicas, que logo el verque no seu quefacer musical, radiofónico ou literario. Os seus informadores xurden por todas partes, mesmo en Fene de onde saeu a historia de Cociña, o seu acordeón e o azafrán que escondeu dentro del mentres navegaba e cantaba en pleno océano Atlántico, rumbo á Arxentina.

Xurxo Souto sabe tanto do mar que o convertiu na súa obsesión literaria desde que publicara “O retorno dos homes mariños” hai vinte anos, a súa obra iniciática. Explica o autor coruñés que na escola nunca nos falaron do mar e iso que vivimos onde vivimos, rodeados de mar. Como dixo Steffan Morling “ Non vivimos na fin da terra. Nós vivimos no centro do mar”. A tradición oral sobre o mar é inmensa, e queda moito por contar. Xurso Souto aproveitou o regalo de tempo que lle deixou a pandemia para seguir indagando nestas historias a cabalo entre o real e o mítico, tal e como ocorreron, ou como nos contan que ocorreron. Despedímolo co berro Medre o mar.

 

(Na imaxe, Xurxo Souto no club de lectura de Radio Fene. Abril 2019)

Cultura

Publica o teu comentario agora