Vivir sen etiquetas

Vivir sen etiquetas
02 de Xullo, 2021 - 01:48 h. | Publicada por Radio Fene

Vivir sen etiquetas. Denomínase así unha campaña impulsada polo Concello de Fene en colaboración coa asociación Indican, contra a discriminación dos cans denominados “potencialmente perigosos”. Trátase de fomentar a adopción destes animais inxustamente prexulgados e discriminados. Na actualidade está en trámite de reforma a Lei 50/1999 sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.

ESCOITA O PODCAST:

O texto establece requirimentos para a súa adopción, hábitos de paseo e outras cuestións que dificultan o seu normal desenvolvemento. Para saíren á rúa teñen que ir amordazados, atados a menos de dous metros e non pasear acompañados doutro can. Segundo os promotores da campaña, a nova Lei Marco de Benestar Animal establecerá que todos os cans, independentemente da súa raza e tamaño, terán que pasar un test de valoración, co obxectivo de asegurar unha tenza responsable. A campaña intenta apoiar a uns seres como son os cans que non teñen voz, segundo explicou Lorena Fernández da asociación Indican. Na campaña Vivir sen etiquetas, o Concello de Fene colabora con Indican, coa asociación 3PA, con Adocan e coas protectoras de animais Apadan, Gatocan e Cometa. Aínda hai moito que facer para estender na cidadanía a conciencia polo respecto animal, segundo a concelleira de Medio Ambiente de Fene Marta Pereiro. 
O can sempre fai o que lle ensinan. Non ten a capacidade de abstracción do ser humano. Non hai can irrecuperable, segundo Larry Ryu de Indican. A denominación de cans potencialmente perigosos presupón comportamentos agresivos polo feito de pertencer a unha determinada raza de cans. Pero o listado de cans varia en cada comunidade e en cada pais, o que é indicativo da súa aleatoriedade e da súa falta de base científica. Vivir sen etiquetas, unha campaña en defensa dos cans, impulsada polo Concello de Fene e por Indican.
 

Sociedade

Publica o teu comentario agora