Volta á orixe

Volta a orixe
19 de Abril, 2022 - 01:49 h. | Publicada por Radio Fene

“Volta a orixe” Chámase así a exposición antolóxica sobre Xaquín Marín que esta mañá se presentou no Concello de Fene. A mostra poderá visitarse no Museo do Humor, no paseo marítimo de San Valentín. Haberá tamén numerosas actividades complementarias ao longo de todo o ano. O programa comezará coa inauguración da aula “Xaquín Marín” o venres 6 de maio no Instituto de Ensino Secundario de Fene. Haberá unha mostra ao ar libre no Paseo marítimo de San Valentín, dúas exposicións na Casa da Cultura, obradoiro de debuxo urbano e de porexgrafía e diferentes actos con Xaquín Marín. 

ESCOITA O PODCAST:

Presentaron a mostra "Volta a orixe", a coordinadora do Museo do Humor Almudena Marcos, o alcalde de Fene Juventino Trigo, o comisario da mostra Alexandre Marín e o concelleiro de Cultura Justo Ardá

http://173.255.131.18/audio/190422MARIN.mp3

O proxecto incluirá  a restauración do mural “Todos metidos nun bote”, pintado pola asociación de amigos do Museo do Humor en novembro de 1996 no muro da igrexa de Perlío na avenida das Pías. O concelleiro de Cultura Justo Ardá adiantou que Aspaneps se encargará da restauración do mural. Un piar da cultura galega e embaixador de Fene. Esas son dúas das características da obra do debuxante. A Xaquín Marín notáselle que é galego e que é de Fene, segundo explicou esta mañá o alcalde de Fene Juventino Trigo. Facer un arte popular, útil, de igual para iguais, coa intención de despertar conciencias. Ese foi sempre o obxectivo da súa obra artística. Alexandre Marín actuou como comisario da exposición. Resumiu nunha viñeta de Xaquín Marín o espírito da obra do seu pai. 
Recollemos de seguido a cita de Uxío Novoneira a propósito dunha exposición conxunta de Xaquín Marín e Raimundo Patiño:
“En Xaquín Marín o debuxo é algo controlado. Nunca a man vai máis alá da propia conciencia e decisión social. Os dous son pintores e traballadores ben implantados na problemática actual. Están alí onde se está sufrindo e se dirime o destino do home. Por iso a súa obra ten esa grandeza de conciencia extrema e de loita, ese aire de transo decisivo”. Volta a orixe. Grazas a esta exposición monográfica, Xaquín Marín volve ao Museo do Humor de Fene. 

Cultura

Publica o teu comentario agora