Volve abrir o centro de saúde de Maniños

Ultímanse hoxe os preparativos e a limpeza das instalacións
30 de Setembro, 2020 - 02:34 h. | Publicada por Radio Fene

O consultorio de Maniños volve abrir este xoves 1 de outubro despois de varios meses pechado por mor da pandemia. Persoal do SERGAS ultimaba esta mañá os preparativos, despois de que o Concello fixese tarefas de limpeza no edificio e no seu entorno. O Centro Médico de Maniños volve abrir as súas portas a escasos días de que comece a campaña de vacinación antigripal.

 

A reapertura prodúcese a escasos días de que comece a campaña de vacinación contra da gripe -o día 13-, polo que é moi recomendable ir solicitando cita previa tanto neste centro médico como no Centro de Saúde. A campaña prolongarase até finais de ano e o Servizo Galego de Saúde volve insistir na importancia de que se vacinen as persoas de 60 ou máis anos -especialmente as que pasen de 65-, as embarazadas, rapazada e adolescentes -de 6 meses a 18 anos- con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico, meniños e meniñas de 6 meses a 2 anos de idade que nacesen antes de tempo, convivintes con grupos de risco, así como profesionais de centros sanitarios, centros de maiores, servizos de atención domiciliaria e servizos esenciais. A vacinación tamén está indicada para persoas que traballen en explotacións porcinas ou avícolas.

Este ano a principal novidade é que se incorporan á relación de "poboación diana" as nais que acaben de dar a luz, que deberán poñer a vacina nos seis primeiros meses tralo parto. O SERGAS tamén apunta como cambio substancial con respecto á campaña pasada o feito de que neste de 2020 se vaian utilizar tres tipos de vacina: unha adxuvada trivalente para maiores de 65 anos, unha de alta carga tetravalente para persoas tamén maiores de 65 anos que se encontren en residencias e, por último, dúas marcas da tetravalente que se administrarán nas faixas de idade entre os 6 meses e os 65 anos de idade.

Para poder vacinarse fai falla cita previa e, neste momento, previr a gripe é máis importante ca nunca por causa da coincidencia dalgúns dos seus síntomas cos da COVID-19. Ademais cómpre ter moi presente que a gripe é unha doenza que tamén pode ser mortal. Segundo os datos do INE, en 2018 -último ano do que hai estatística publicada- faleceron en todo o Estado 1.852 persoas debido ás complicacións desta enfermidade estacional.

Sociedade

Publica o teu comentario agora