Volve a Cuba

Volve a Cuba
23 de Maio, 2022 - 10:28 h. | Publicada por Radio Fene

A Agrupación Instrutiva de Caamouco volve a Cuba. A entidade vai organizar unha segunda viaxe ao país no que naceu en 1911. A iniciativa, que estaba programada para maio de 2020, quedara cancelada por aquel entón pola pandemia. Agora, vaise re-programar para outubro deste ano, entre o 19 e o 26. Xusto tres anos despois da primeira viaxe, en outubro de 2019.

A Habana.Outubro 2019

A Agrupación Instrutiva pon 60 prazas a disposición das persoas interesadas. O prazo de inscrición xa está aberto. Terán prioridade os socios e socias da Agrupación e todas as persoas censadas no Concello de Ares. Estes dous grupos terán preferencia para reservar a súa praza ata o día 29 deste mes. A partir do 30 de maio, as reservas quedarán abertas para o público xeral ata completar a capacidade prevista. En calquera dos casos, teranse que tramitar a través do teléfono 606 14 67 87.  Ademais, a Agrupación organiza unha xornada informativa o vindeiro venres 27de maio ás 19.30 horas no centro social da Tenencia para resolver dúbida das persoas xa inscritas ou daquelas que estean interesadas en facelo.
Coa colaboración do Concello 
O Concello de Ares colabora coa Sociedade no impulso desta segunda expedición a Cuba. A entidade vén de manter encontros co alcalde, Julio Iglesias, e a Concelleira de Cultura, Alma Barrón, nos que se selou esa colaboración entre a administración municipal e a Sociedade. Ademais dun apoio económico, o acordo permite que os veciños e veciñas de Ares teñan prioridade á hora de participar. Un bo xeito de seguir estreitando lazos entre a vila e Cuba. 
Iniciativa de carácter cultural
Aínda que a segunda viaxe a Cuba tamén incluirá propostas de lecer e turísticas, o groso da proposta ten un marcado carácter cultural. Ao igual que acontecera na primeira viaxe do 2019, os pratos fortes pasarán por algúns dos puntos da illa onde o legado da emigración galega continúa moi presente. Así, entre as paradas obrigadas, figura xa o Centro Galego da Habana ou o Cemiterio de Colón, onde repousan os restos de moitos veciños e veciñas de Ares. Alí, ademais, aproveitarase para facer unha visita ao espazo no que quedou instalada a placa conmemorativa da primeira viaxe, que servía tamén de homenaxe a todos os veciños que, un século antes, cruzaran o océano na procura dunha mellor vida.

Sociedade

Publica o teu comentario agora