Volve a memoria do bacallau

Volve a memoria do bacallau
15 de Xuño, 2022 - 01:26 h. | Publicada por Radio Fene

Volve a memoria do bacallau e da PYSBE. En 1945, a PYSBE inaugura unha factoría en Ferrol, aproveitando unha concesión de 15.000 metros cadrados no porto. Comercializaba catorce mil toneladas anuais de peixe. Trescentas persoas, sobre todo mulleres, traballaban nela. Durante os anos da Segunda Guerra Mundial non se pesca nos caladoiros de Terra nova polo que se produce unha recuperación da especie. Pero a esquilmación despois de 1945 provoca que as capturas descendan de xeito importante desde 1955. A competencia de Pescanova e o fracaso dos intentos de diversificación provocan o conflito en 1967. Sáldase coa anulación dos despidos tras a mobilización das empregadas co apoio activo dos traballadores de Bazan e Astano. Os salarios eran moi baixos e o réxime de traballo moi penoso. Xa case non queda a lembranza das traballadoras co paquete de recortes de bacallau que lles daban cada sábado. Esa memoria poderase recuperar na sala de exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol coa mostra sobre o bacallau e a PYSBE.

ESCOITA O PODCAST:

Ventos do Bacallau e Pysbe. Unha exposición sobre a factoria de bacallau ábrese este venres na sala da Autoridade Portuaria.. O groso da exposición saíu do Arquivo da Autoridade Portuaria, do Museo Naval de Ferrol e de cidadáns particulares.  A vindeira semana haberá actos nunha carpa instalada no peirao de Curuxeiras. Haberá tamén cociña e degustación de bacallau nas inmediacións do porto. O venres 24 as sete da tarde haberá unha mesa redonda coa participación dos historiadores Guillermo Llorca e Henrique Sanfiz, o biólogo Xoam Luis Ferreiro “Cesio” e do músico e escritor Xurxo Souto. O sábado 25 o chef do Camiño do Inglés Dani López ofrecerá varios pratos cociñados con bacallau. Ese mesmo dia haberá unha cata maridaxe con viños galegos e petiscos de alta cociña. Na exposición amosarase un receitario con receitas de bacallau, publicado pola Pysbe en 1936 , segundo Francisco Barea, da Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao. 
O sábado 25 tocará nas inmediacións do porto Manolo Bacallau e o domingo 26 vanse cociñar en directo cabeza de bacallau en caldeirada e lombos estilo Pysbe. A idea xa estaba na mente de moita xente da zona desde hai anos. A PYSBE estaba moi presente na vida do barrio, segundo explicou o presidente da Asociación Veciñal de Ferrol vello Manuel Zapata quen explicou esta mañá os seus recordos de neno da fábrica. "Alí aprendín a andar en bicicleta" sinalou. 
 A PYSBE pechou as súas portas en 1973. Protagonizou anos antes un dos conflitos laborais máis singulares da ditadura. O 13 de abril de 1967 formouse en Ferrol unha manifestación de máis de mil cincocentas persoas contra os despidos na empresa bacallaeira. A policía franquista dispersou a protesta e provocou oito feridos. Pero as traballadoras lograron a retirada dos despidos. A factoria tivo moita importancia para a vida económica e social da comarca. O nome das xornadas alude aos barcos bacallaeiros da Pysbe que tiveron nome de ventos. A PYSBE influíu na economía e na sociedade de Ferrol en xeral e de Ferrol vello en particular, segundo explicou un dos promotores do evento Emilio Romero
Pasaia
Pesquerias y Secaderos de Bacalao de España creouse en 1919 en Pasaxes (Guipúscoa) para comercializar o bacallau, un peixe que distribuído en seco (salgado) conservábase comestible e chegaba a toda a península. Consumíase en grandes cantidades tamén en localidades do interior a onde as deficientes comunicacións impedían que chegase outro tipo de peixe.
A comisión organizadora pide a colaboración da hostalaría de Ferrol coa preparación de pratos e tapas do bacallau a vindeira semana. Sortearán cen euros para gastar nos negocios do barrio. A memoria da Pysbe e do bacallau volve a Ferrol. A exposición inaugurase este venres na Autoridade Portuaria. Para a próxima semana xornadas do bacallau na zona do porto.
 

Cultura

Publica o teu comentario agora