Volven cos retratos vellos

Volven cos retratos vellos
06 de Abril, 2021 - 09:02 h. | Publicada por Radio Fene

A Tenencia Teatro, o grupo da Agrupación Instrutiva de Caamouco, vén de recupera-la súa actividade presencial. Despois de meses sen poder compartir escenario, retomaron os seus ensaios físicos no Centro Social da Tenencia. Fano, con todas as medidas sanitarias, despois de meses mantendo os ensaios telemáticos. Porque o coronavirus non puido dete-la súa actividade: cando as restricións impediron que se xuntasen, a directora do grupo soubo adaptarse sen perder un intre, ofrecendo as súas clases en formato virtual..

ESCOITA O PODCAST:
Eugenia Sanmartín dirixe A Tenencia Teatro

As primeiras sesións virtuais viñeron marcadas polos 'problemas técnicos' de rigor. A directora da Tenencia Teatro é consciente de que a situación sanitaria pode obrigar en calquera momento a volver ao formato en liña. Agora di estar feliz por ter conseguido mante-los seus obradoiros durante todo este tempo. Con todo, recoñece que se trata dunha experiencia estraña, acostumada ao cara a cara. 

Os ensaios virtuais da Tenencia Teatro tiñan moita miga. Para non perde-lo ritmo, a súa directora comezou a ensaiar 'A Contenda dos labradores de Caldelas', 'A Casamenteira' e 'Camiño da Feira', os tres textos que compoñen a que será a súa vindeira obra, 'Retratos vellos'.

Uns textos que conseguir o seu obxectivo, permitindo aos actores e actrices seguir avanzando na súa formación dende a casa.

Agora, de volta á actividade presencial, o grupo traballa arreo nos seus ensaios. Todo coa vista posta na estrea de 'Retratos vellos'.  Será no Seixo en Mugardos o 19 de xuño.

'Retratos vellos' promete entremento e gargalladas e tamén facer pensar ao espectador xa dende o primeiro momento. De feito, o seu título é xa unha declaración de intencións, cun xogo de palabras entre o vello e o belo, entre o antigo e o fermoso que, neste caso como en tantos outros, van da man. Esta será a cuarta obra que A Tenencia Teatro poña en escena dende o seu nacemento no ano 2015.

 

Fotografía: Sabela Fraguío. Eugenia Sanmartín no programa especial Tecendo Redes, realizado por Radio Fene Radiofusión na Tenencia o sábado 27 de marzo de 2021.

Cultura

Publica o teu comentario agora