Volven as visitas ao castelo de Moeche

Volven as visitas ao castelo de Moeche
25 de Marzo, 2021 - 10:49 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Moeche e a Xunta buscan fórmulas de colaboración para o mantemento do castelo. O Subdirector Xeral de conservación e Restauración de Bens da Xunta de Galicia, Manuel Chaín Pérez, achegouse esta mañá a Moeche para coñecer cales son as actuacións máis urxentes que precisa o castelo tanto en mantemento como na súa conservación. O castelo reábrese ás visitas o dia 1 de abril. 

Beatriz Bascoy e maila responsable municipal de Desenvolvemento local, Cristina García, guiaron ao Subdirector Xeral polas instalacións facendo parada en cada un dos puntos onde, a xuízo do Concello, se fai necesario actuar de inmediato co obxectivo de garantir unha correcta conservación do conxunto. Manuel Chaín -bo coñecedor do castelo por ter participado na realización do inventario de bens municipais aló polos anos 90- foi facendo durante o percorrido unha primeira avaliación das intervencións que, a xuízo do Goberno municipal, serían necesarias, como por exemplo quitar as hedras e outras plantas que nacen entre a cachotaría ou atallar as filtracións que se producen pola escaleira de caracol e que xa lle afectan ao centro de interpretación, onde ademais tamén se detectaron algunhas pingueiras. O experto considerou menos grave -ou máis doado de arranxar- a humidade que pasa desde o chan da parte máis alta do torreón ao teito abovedado do seu interior posto que, segundo comentou, non representa ningún perigo para a estrutura.

Alén destas cuestións, desde o Concello tamén se sinalou como prioritario dotar a fortaleza de conexión á rede de sumidoiros. O castelo de Moeche triplicou nos últimos anos o número de visitantes e por esa mesma razón cómpre dimensionar o sistema de saneamento de augas residuais. O Concello xa tentou nunha ocasión levar a cabo con fondos provinciais un proxecto neste sentido, que bateu coa negativa de Patrimonio a autorizar as obras. O compromiso adquirido esta mañá polo responsable de Restauración de Bens foi o de colaborar co Concello na busca dunha alternativa viable desde o punto de vista económico e da preservación da fortaleza. Ademais, o Goberno local tamén solicitou que se permitise a instalación dunha illa de colectores nas inmediacións do acceso principal -tamén rexeitada inicialmente por Patrimonio- que iría oculta tras un peche de madeira perfectamente integrado no entorno.

Porén, o principal obxectivo da visita, polo menos desde a óptica do Executivo local, foi o de tentar conseguir algún tipo de compromiso por parte da Xunta de cara a financiar os labores de conservación e mantemento. "Un Concello de pouco máis de 1.300 habitantes non ten capacidade económica para conservar un elemento destas características en perfectas condicións", comentáballe a Chaín a rexedora local. O representante autonómico avanzou que a Xunta non conta con partidas económicas para efectuar labores de mantemento en instalacións que non son da súa titulariedade, pero que si estaba aberta a estudar proxectos puntuais que fixesen máis doada -e tamén máis barata- a conservación a longo prazo do castelo, ou aqueles que servisen para corrixir outros problemas, como podería ser a instalación dunha cuberta illante para a escaleira helicoidal que comunica o patio de armas co paso de rolda. Manuel Chaín Pérez tomou boa nota de todas as necesidades para valorar as máis prioritarias e instou ao Concello a que, tras a elaboración do seu informe,  solicitase formalmente a colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio. Beatriz Bascoy agarda reunirse de novo proximamente coa responsable do departamento, María del Carmen Martínez Insua, con quen xa mantivo un encontro a principios de mes. O obxectivo desa xuntanza será o de concretar a participación autonómica nas actuacións de conservación.

O castelo reabre o 1 de abril

A visita do Subdirector Xeral tamén tivo a finalidade de obter asesoramento para facer correctamente os traballos de limpeza do inmoble que se van levar a cabo esta fin de semana. Trátase dun repaso xeral que deixe o castelo nas mellores condicións posibles para volver recibir visitantes a partir do xoves da semana que vén, cadrando co arranque dos festivos da Semana Santa. O horario de apertura da fortaleza será durante eses catro días de 11 a 14.00 h. e de 16 a 19.00h. Estes horarios tamén se manterán durante as fins de semana do mes de abril. En maio comezará a temporada primavera-verán, na que a fortaleza abrirá tamén durante a semana.  A atención a visitantes e as visitas guiadas contan con colaboración económica da Deputación da Coruña.

Cultura

Publica o teu comentario agora