A voz das rumorosas

A voz das rumorosas
21 de Marzo, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Muller, galega e artista. Todo iso teñen en común cinco actrices e unha bailarina que subirán ao escenario do Teatro Jofre na estrea da obra “Que din as rumorosas”. Este xoves, día 23, ás 20:30 da tarde. Espectáculo de Maquinarias Teatro. Unha comedia coral sobre como ser artista…e muller. En Radio Fene falamos coa actriz Helga Méndez e a bailarina Caterina Barro, da obra e dos problemas aos que fan fronte as mulleres que se dedican á arte en Galicia.

ESCOITA O PODCAST:

“A arte como camiño inevitable é un dos temas dos que falamos na peza, a pesar de todos os obstáculos é un impulso primario”, sostén Helga Méndez. “A beleza é o que lle dá sentido á vida, é sandador”, apunta Caterina Barro. Seis artistas galegas, Helga Méndez, Eugenia Sanmartín, Carmen Cotelo, Caterina Barro, Cristina Mariño e Marián Rei dialogan con mulleres importantes na historia da nosa Cultura non sempre suficientemente recoñecidas nun espectáculo teatral dirixido por Paula Carballeira. Interpretan a María Balteira, soldadeira; A Bella Otero, cantante, bailarina, actriz e cortesá; Mercedes Mariño, cantante e actriz; Eugenia Osterberger, pianista, compositora, cantante e directora; a pintora Maruja Mallo e Maruxa Villanueva, cantante e actriz. “Neste país hai moito talento e como muller e artista temos basicamente o mesmos problemas que tiñan todas estas mulleres das que falamos, afortunadamente avanzamos pero, por exemplo en artes plásticas nos espazos expositivos apenas é o 30% ou 40% de mulleres”, sinala Helga. “En Galicia so hai un Conservatorio público de danza, está en Lugo, e segue habendo moito machismo, o 99% nas escolas que hai na comarca son nenas e non é que os nenos non gusten da danza, eles van deixando de bailar pola presión social”, afirma Caterina. Sobre as dificultades da profesión explican “nos dedicamos á docencia porque non hai outra maneira de vivir disto, temos que diversificar a nosa economía”.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora