ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
A ameixa é un molusco bivalvo propio da zona entre mareas das rias. Viven na area onde se mesturan a auga doce da ría e a do mar.
A ameixa é un molusco bivalvo propio da zona entre mareas das rias. Viven na area onde se mesturan a auga doce da ría e a do mar. As ameixas están en Galicia desde tempo inmemorial. Cunchas de ameixa atópanse nos vellos cuncheiros dos castros de toda a costa. Temos en Galicia varios tipos de ameixa: fina, babosa, rubia e bicuda. A oferta actual inclúe a xapónica que se da moi ben por estes lares.
Ameixas finas ou babosas, vivas e depuradas, sobre o xeo picado, abertas no momento cun coitelo e despegadas da cuncha, son un auténtico manxar. Permítense unha pingas de limón, máis sen abusar para non matar o sabor a mar. Acompáñese dun albariño frío e a gozar da cerimonia. As ameixas son un agasallo da natureza.
Ademais de crúas, pódense abrir no ferro quente ou plancha e na tixola. Antes facíanse na lata de facer as empanadas. Bótase unha pinga de aceite en el dourase un allo picado, bótanse as ameixas e, cando empezan a abrir, sácanse a unha fonte e vérquese por riba unhas pingas de zume de limón, como se fan en Ferrolterra. Será ese o segredo das ameixas á plancha do Muíño do vento? (Na imaxe, ameixas á plancha do Muíño do vento. Fene)
As ameixas son imprescindibles na sopa de marisco, cun pouco de picante e graos de arroz. Tamén se guisan de mil maneiras; á mariñeira, con fideos ou con chícharos. Os asturianos e aquí tamén cociñanas coas fabas. Na zona de Carril prepáranas de marabilla con arroces. Segundo Fausto Galdo, o seu amigo Pere Barceló di que deberan xantarse axeonllados, tal é a adoración. As ameixas de máis sona son as de Carril, na ría de Arousa. Tamén a ría do Burgo na Coruña foi un gran bancal de ameixas, onde sobreviven a pesar da contaminación da ría. As da ría de Ferrol non quedan atrás pero tamén están a vivir nun tira e afrouxa.
“Adeus, ameixas do Burgo
Adeus , ostras da pasaxe
A virxe de Pastoriza
Nos dea boa viaxe”.
A primeira receita do libro “Cocina Gallega” de Álvaro Cunqueiro e Araceli Filgueira son as “Ameixas á mariñeira á coruñesa”.
Lávase un quilo de ameixas e téñense en auga fría un bo anaco. Nunha tixola fritimos a cebola picada. Antes de estar dourada, engadímoslle por riba, sal, clavo, noz moscada, pementa e allo picado. Espolvoréase con dúas culleradas de fariña e deixase cocer ata que estea medio tostado. Bótase por riba dous vasos de auga, deixando que se forme unha papilla espesa. Cando ferva, engadese un vaso de viño branco, o zume de limón e loureiro. Cando comece a ferver ben, bótanse enriba as ameixas ata que abran. Hai quen para iso méteas ao forno. E bo proveito.
Publica o teu comentario agora