"Xa podo morrer tranquilo"

"Xa podo morrer tranquilo"
07 de Xuño, 2026 - 08:26 h. | Publicada por Radio Fene

O pasado sábado, a nostalxia converteuse en festa en Neda. O I Encontro de Xigantes e Cabezudas, promovido polo colectivo A Piruchela, logrou conmover a toda a veciñanza. "Xa podo morrer tranquilo despois de ver de novo xigantes e cabezudos", comentaba un veciño nado en 1950 que recordaba con morriña o paso destas figuras pola rúa Real cando era neno.

Fotografía Xan Xe

Un desfile cheo de música e cor
A comitiva arrincou ás 17:00 horas desde a Casa das Palmeiras. O percorrido encheu de público o casco vello, pasando por Subarreiros e a praza da Reitoral ata concluír no centro cívico. O ritmo musical correu a conta de Airiños de Fene e Vai Rañala Meu, que acompañaron a unha gran variedade de personaxes tradicionais.

Entre os invitados destacaron os grupos de Pontedeume, Caranza, Betanzos, Nigrán e Lalín. Esta última localidade estivo representada pola Asociación Veciñal e Cultural O Redondelo de Botos, que exhibiu as figuras da Sardiñeira e de Don Cocho. Desde o colectivo destacaron a cita como unha canle para "a posta en valor deste patrimonio no que se mesturan memoria, creatividade e participación". De feito, a Piruchela pide colaboración cidadá para recuperar fotos e datos dos antigos xigantes locais.

Retranca no pregón
O artesán Luís Javier Iglesias, "Luchi", foi o encargado de abrir os actos á unha do mediodía. No seu discurso tivo un recordo para Álvaro Cunqueiro —pregoeiro da Feira do Cocido en 1969— e deixou unha frase para o recordo: "Espero que dentro de setenta anos poñades en Neda unha placa que poña que Luchi Iglesias deu o primeiro pregón do encontro de cabezudos".

Un fío común con Esteiro
Esta paixón patrimonial conéctase coa historia de Ferrolterra. En 1948, o barrio ferrolán de Esteiro xa vivía unha estampa semellante coa gran comparsa de xigantes e cabezóns que percorría as súas rúas durante as festas da Virxe das Angustias.

 

Fotografía Xan Xe

Sociedade

Publica o teu comentario agora