Xa se acabou o baile, o baile dos escravos

Xa se acabou o baile, o baile dos escravos

29 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Xa se acabou o baile, /o baile dos escravos, / a danza farrapeira / dos pobos derrotados. / Xa se acabou o baile. / Agora non bailamos / nin o ailalalelo, / nin o ailalalo, / que bailamos a danza / dos pobos levantados.
Son versos de Celso Emilio Ferreiro, poeta que hoxe se lembrará na vila de Celanova (Ourense). Mañá cúmprense os 30 anos dende a súa morte.

As actividades organizadas pola Asociación Cultural Arraianos comezarán ás doce da mañá no mosteiro de Celanova, que durante os anos da guerra foi cárcere franquista. Alí colocouse un mural, inaugurado hai 3 anos, en homenaxe aos represaliados do franquismo, obra de Xosé Vizoso. Neste contexto poderase asistir a un recital poético a cargo de Xosé Luis Méndez Ferrín, Baldo Ramos e poetas das Redes Escarlata de Vigo.

A continuación os actos trasladaranse ata a Poza das Rás, onde hai 73 anos, o 29 de agosto de 1936, foron asasinados Xulio González Alvárez, de 25 anos, mestre en Gontán e natural de Verea; Amadeo López Bello, de 32 anos e mestre e colaborador da revista Nós, natural de Carballeda de Avia; e Silvio Torres Díaz, de 23 anos, condutor, nado en Ourense. Alí terá lugar unha nova lectura poética e unha ofrenda floral en recoñecemento a estes tres homes. A mañá completarase cun xantar popular nun restaurante de Celanova.

Lembrando a Celso Emilio

Ás seis e media da tarde os festexos trasladaranse ao cemiterio de San Breixo, onde repousan os restos mortais de Celso Emilio Ferreiro. Un novo recital poético e musical terá lugar alí e nel participarán, ademais dos mencionados, Manuel Vilanova, Anxo Angueira, Víctor Campio ou Moncho Nicolás. Este último pasa por ser un dos grandes especialistas existentes na figura do poeta celanovés. A cargo del está a recollida dun epistolario ou a escolma dos artigos publicados en prensa por Celso Emilio. Co gallo de contar con Moncho Nicolás realizarase un diálogo ficticio entre el e o poeta falecido hai 30 anos. Ademais terá lugar a lectura dramatizada dos artigos de Celso Emilio Ferreiro referidos a Celanova.

Sociedade